"O virus do cine entrou en min"

O cineasta Ángel de la Cruz, gañador de catro premios Goya, falou da súa traxectoria profesional coa columnista Diana López Varela no ciclo Conversas na Uvi

Ángel de la Cruz, nun momento da charla. RAFA FARIÑA
photo_camera Ángel de la Cruz, nun momento da charla. RAFA FARIÑA

De como entraba no cine de cativo e "quedaba absorto" vendo as películas, de como marchou a Cuba como axudante de arte da película Tirano Banderas para sentir alí que "o virus do cine entraba en min" ou de como Engurras marcou un fito na animación en España falou este martes, entre outras cousas, o produtor, director e guionista Ángel de la Cruz coa xornalista Diana López Varela, na que era a penúltima charla de Conversas na Uvi, un ciclo que organizan conxuntamente Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo.

De la Cruz repasou a súa traxectoria profesional e deixou algunha reflexión sobre o momento actual do cine e da animación. "Eu nacín nunha casa sen televisión", lembrou. "Mercouse a primeira cando eu tiña oito ou nove anos. Así que, para min, a evasión era o cine. Lembro que entraba nel e quedaba absolutamente absorto nas películas. Aquilo parecíame marabilloso".

A fascinación infantil deu paso a un crecente interese na xuventude e á entrada na industria da man dun amigo do colexio que montou unha das primeiras produtoras audiovisuais que funcionou en Galicia nos anos 80. "Eu, que me adicaba á enxeñería e estaba intentando rematar a carreira de Arquitectura, tiña man para debuxar. E como non sei dicir que non, cando me chamou para preguntarme se me animaría a facer unha storyboard para un proxecto, díxenlle que si. Ese foi o meu comezo no mundo do cine: debuxando".

Con Engurras, o cine de animación acadou a maioría de idade en España. Por fin deixamos de ser un xénero menor

De aí pasou a facer decorados para a televisión e a chamada para axudar a Félix Murcia en Tirano Banderas, unha superprodución do ano 1992.

"Pero foi antes, no 1989, cando comecei a decatarme de que se podía facer cine en Galicia". No Nadal de 1989 estréanse Sempre Xonxa, Continental e Urxa. "Pensei que aquilo era como un tren que pasaba unha vez. Tiña que intentalo. Se non, pasaría o resto da vida dándolle voltas a que tería pasado".

Ao volver de Cuba, De la Cruz conta que decidiu obviar o consello que lle recomendaba marchar a Madrid se quería facer cine. Preséntase a catro premios de guión en Galicia. "Gañei tres deles. O premio era dirixilos. Correuse a voz e as produtoras audiovisuais comezaron a chamarme", contou. "Hai que dicir que eu fora un neno moi mentireiro. Mentía, non por necesidade, senón por facelo todo máis interesante. Sen sabelo daquela, facía ficción, que é o que facemos os guionistas. Cos anos, souben sacarlle proveito".

A crise obrigounos a saír, obrigounos a buscar socios e a intentar abrir mercados. Hai que ir fóra, quitar os complexos

DYGRA. De la Cruz comezou a traballar para unha empresa de contidos multimedia, hoxe desaparecida: Dygra. O produtor Manolo González foi o que lle encargou un guión para un videoxogo, Bicho, que acabou anunciándose cun spot en 3D. De aí saíu a idea de facer unha longametraxe en 3D. Levaría cinco anos sacala adiante. Converteuse na primeira de Europa e na sexta do mundo. Escribiuna De la Cruz. Titulouse O bosque animado e gañou o Goya.

Sería o primeiro dos catro que ten o cineasta. Os dous últimos foron por Engurras, a adaptación ao cine que fixo do cómic de Paco Roca do mesmo título. "Ata Engurras eramos 'os da animación'. Iso acabouse. En España acadouse a maioría de idade con ese título. Foi un fito igual ou maior que o de O bosque animado", explicou referíndose ao feito de ter gañado coa película o Goya ao mellor guión adaptado, "nun ano no que competiamos con Pedro Almodóvar, Icíar Bollaín e Benito Zambrano".

De la Cruz tamén reflexionou en Conversas na Uvi sobre o momento que vive o cine galego e español na actualidade. "Vimos de pasar uns anos difíciles, os da crise, pero eu son optimista por natureza e sempre busco algo ao que agarrarme", contou. "Neste caso, a crise obrigounos a saír fóra, porque había que buscar socios e abrir mercados. E a conclusión é esa: hai que ir, quitar os complexos e estar aí. É certo que pecharon moitas produtoras polo camiño, como Dygra. Pero tamén o é que hoxe hai outras moi fortes, como Vaca Films".

Ademais, explicou que, baixo o seu punto de vista, o cine non gozaba de mala saúde, a pesar da presenza social cada vez máis importante das series que se distribúen a través de plataformas dixitais. "Tamén se parecen cada vez máis ao cine. Son os mesmos profesionais. Cada capítulo é case unha película. Os norteamericanos levan moito tempo facéndoo. E está claro que funciona".

Peche ►Maite Méndez charla con Xaime Nogueira
A adestradora do Club Baloncesto Arxil , Maite Méndez, será a protagonista da última charla do ciclo Conversas na Uvi deste ano. Será entrevistada polo xornalista deportivo de Diario de Pontevedra Xaime Nogueira o 26 de xuño, ás 20.00 horas, na Casa das Campás. A entrada será libre e gratuíta. Con ela porase o punto e final á cuarta edición do ciclo de charlas, polo que pasaron Ledicia Costas, Javier Porro, Ana Isabel Vázquez, Gonzalo Maceira (Furious Monkey House), Fernando González ‘Gonzo’ e Moncho Vidal.

 

Comentarios