"Os nenos saharauis que repiten a experiencia, xa falan algo de galego"

Un total de 325 nenos chegaron a Galicia da man de Solidariedade Galega co pobo Saharauí

Rapaces saharauis, recibindo agasallos do Concello de Pontevedra. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Rapaces saharauis, recibindo agasallos do Concello de Pontevedra. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

Solidariedade Galega co pobo Saharaui chega un ano máis a Pontevedra co programa Vacacións en paz. A alcaldesa en función, Carme da Silva, e a concelleira de Benestar social, Anxos Riveiro recibiron este mércores ós oito nenos e nenas que este ano residirán en Pontevedra.

Nesta recepción os pequenos, comprendidos entre 9 e 12 anos, estiveron acompañados polas súas familias de acollida e a presidenta de SOGAP, Maite Isla, que explicou que este ano chegaron repartidos en dous grupos, o primeiro deles viaxou o 29 de xuño e o segundo, o 10 de xullo.

Isla confirmou que en toda a comunidade galega hai un total de 325 nenos, dos cales 200 atopánse na provincia de Pontevedra. A intención da SOGAP é que este número medre ano a ano.

DIVERSIÓN. Os nenos chegan a esta viaxe con gañas de coñecer unha nova cultura e gozar das diversas actividades que as familias e a asociación teñen preparadas para eles.

Entre estes pasatempos, ademáis de acudir á praia e facer excursións, estase a preparar unha viaxe que se realizará entre o 30 de novembro e o 7 de decembro e na que pode participar todo o mundo. Ademáis, dende SOGAP, dispuxeron un sistema de pago fraccionado para facer máis fácil o pago ás familias.

As excursión polos montes son o que máis lles gusta xa que o verde do campo e das árbores chámalles moito a atención: "O ano pasado, coa oleada de incendios choraban xa que non entendía porque mataban ás arbores", explica Maite.

Debido a que algúns nenos repiten de ano a ano "non é dificil escoitarlles falar algo de galego e iso é unha satisfacción enorme", explicou a dirixente da asociación. Maite Isla quixo remarcar que a inscripción do ano que ven xa se atopa aberta: "Animo a todo o mundo a colaborar, a través do 986 26 26 37 ou nos diversos concellos" e recordou, que a situación política que viven o Sahara "non é a idónea para estes rapaces e eles son os mellores embaixadores que existen".

Na recepeción Carme da Silva, en nome do concello, fíxolles entrega duns agasallos compostos por unha mochila, material escolar e libros de lectura. Ademáis, os pequeños realizaron un cántico saharauí a favor da liberdade.

Comentarios