Martes. 13.11.2018 |
El tiempo
Martes. 13.11.2018
El tiempo

Carlos Pereiro: "Os videoxogos xa non son só un produto de entretemento, senón cultural"

O xornalista pontevedrés Carlos Pereiro tras unha tablet co logo da súa revista. DAVID FREIRE
O xornalista pontevedrés Carlos Pereiro tras unha tablet co logo da súa revista. DAVID FREIRE

A primeira revista dixital en galego especializada en videoxogos faise en Pontevedra. Acaba de nacer da man do xornalista Carlos Pereiro, que bautizou o seu produto ‘Morcego’ e que considera un erro menosprezar unha industria que "factura máis do dobre que a do cinema". Había que estar aí, "facer un pouco de pioneiro e animar á xente a entrar".
 

Reportaxe sobre protagonistas de videoxogos levados aos libros pola editorial Héroes de Papel. ‘Zona Retro’ adicada á evolución de Spider-Man. Entrevista ao xogador zaragozano Alberto Polo ‘RoD’ (mellor xogador de Dota 2 en España). Son algúns dos contidos da primeira revista dixital en galego adicada aos videoxogos, ‘Morcego’ (revistamorcego.com). Detrás deste produto pioneiro, que leva catro días on-line, está o xornalista Carlos Pereiro (Pontevedra, 1990). 


Como naceu ‘Morcego’?
Eu quería escribir de videoxogos. E non tiña moito onde. Nos medios xeralistas, por exemplo, apenas teñen cabida. Así que decidín crear algo propio, no canto de esperar a que outro fixera algo. E quería darlle ademais ese plus de que fose un produto en galego. Para axudar a normalizar a lingua neste ámbito. Porque ao mellor non é cuestión de que veña todo promovido dende Política Lingüística, ao mellor é máis interesante que cando un teña a posibilidade de facer algo, simplemente o faga. Neste eido apenas había un par de precedentes: unha web que xa non funciona, ‘Memoria pixelada’, e a sección de videoxogos de Marcus Fernández en ‘Código Cero’.


Reportaxes, entrevistas, actualidade... O xornalista vaise impoñer ao afeccionado?
O que vou tratar é de ofrecer moito contido propio, informacións e reportaxes que non atopes noutros lados, que me diferencien un pouco. Tratarei de fuxir das típicas listaxes ou reseñas, aplicando o que é o xornalismo ao mundo dos videoxogos.

"Ao mellor non debería vir todo promovido por Política Lingüística, ao mellor é máis interesante que cando poidas facer algo en galego, simplemente o fagas»


En Galicia hai xente facendo cousas interesantes dentro desta industria.
Imaxínate que ás veces esquecemos mesmo o que se fai en España por ollar para outro lado. Nin che conto en Galicia. Pasa tamén no mundo da música, por exemplo. Si, eu vou prestarlle especial atención a todo o que se faga aquí e ir máis alá do día da rolda de prensa na que se presente algo, facer un seguimento. En Galicia hai xogadores que viaxan por todo o mundo e hai xente que fai cousas potentes, como o estudio Gato Salvaxe, na Coruña. 


E en Pontevedra?
En Pontevedra, entre outras cousas, hai unha importante asociación de ‘gamers’ na zona de Santa Clara, cun local cargado de ordenadores, que mola mogollón.


Dende A Mesa din que é falso que a demanda de información e de videoxogos en galego sexa mínima, porque a realidade é que non se ofrece nunca en igualdade de condicións con outros idiomas.

É que se toda a oferta é en castelán, tes que lela en castelán. Pero ao mellor hai xente á que lle gustaría ler algo en galego. Ímolo comprobar agora. Para min non se trata dun problema co idioma.

"Os videoxogos non promoven a violencia. Non máis que a tele ou o cinema. Non máis que cando xogamos á guerra de nenos»


Di que xa non se pode considerar aos videoxogos só como un produto de entretemento.
Porque non o son. Un videoxogo é un produto cultural o mesmo que o pode ser calquera blockbuster como ‘Los Vengadores’. Tendo en conta sempre que ser un produto de entremento non é algo malo. Pero, non sei por que, o videoxogo segue relacionándose con pasar o tempo, ou máis ben con perder o tempo. Non perdes o tempo. Gáñalo o mesmo que cando colles un libro. Dependerá, en todo caso, do xogo que collas, igual que depende do libro. Hai videoxogos con mensaxes antinucleares, antibélicas, antiviolencia... Moitos rapaces aprenden valores cos videoxogos.


Mensaxes antiviolencia? É un tópico que os videoxogos son, en xeral, sexistas e violentos?
Iso é unha estupidez. Se ti relacionas os videoxogos coa violencia, eu podo facelo co fútbol. Os videoxogos non promoven a violencia. Non máis que cando xogabamos á guerra de nenos. E non máis que a televisión ou o cinema.

Alberto Oubiña: «É unha honra que isto se faga en Pontevedra»
‘Morcego’ foi presentada o venres 7 de setembro no Concello nunha rolda de prensa na que, ademais do seu creador, participaron o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, e Sara Seco, de A Mesa. «É unha honra que a primeira revista en galego sobre videoxogos se faga en Pontevedra», dixo o concelleiro. Para Seco, ‘Morcego’ contribúe a reforzar o idioma nun ámbito no que é moi minoritario e «axuda a cuestionar que a demanda nesta lingua sexa mínima, cando o que falta é igualdade de condicións».

Carlos Pereiro: "Os videoxogos xa non son só un produto de...
Comentarios