O CHUP inviste 40.000 euros na renovación de Obstetricia

O plan de melloras incluíu nova climatización, iluminación e a reordenación dos espazos do Nido e controis de sordeira
Gente pasando por delante del Hospital Provincial. RAFA FARIÑA
photo_camera Gente pasando por delante del Hospital Provincial. RAFA FARIÑA

Mellorar os espazos destinados á Área de Obstetrcixa do Hospital Provincial de Pontevedra é o obxectivo do Plan de Melloras levado a cabo nestes días pola Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra e O Salnés. En total, vénse de investir máis de 40.000 euros nun proxecto de mellora que, cun prazo de execución técnica dun mes, rematou este luns co ingreso gradual de pacientes nalgunhas habitacións desta renovada área.

Este plan da EOXI dotou con nova climatización e iluminación LED tanto as zonas comúns de tránsito coma as habitacións de Obstetricia, efectuando o pintado integral de paredes, molduras, marcos e elementos de carpintería exterior, a reordenación de cableado eléctrico e de televisión, ademáis da reubicación de equipamento nos espazos do Nido e controis de sordeira, nos locais e controis de Enfermaría así coma nas 19 habitacións de ambos andares.

Ademais, efectuouse a renovación parcial de diversas portas da propia hospitalización de Obstetricia no Hospital Provincial, executando así mesmo cambios nos sentidos de apertura das portas dos baños de hospitalización para reforzar a seguridade no tránsito interior dos usuarios.

OBRAS EN VERÁN. Cómpre sinalar que este plan de melloras dirixido á area de Obstetricia —executado en época estival no marco do Plan de Adecuación de Recursos da EOXI de Pontevedra e O Salnés posibilita que ao longo dos meses de verán se executen pequenas obras de mellora, actuacións preventivas e de reparación de distintas unidades, pois representan intervencións que durante outras épocas de maior ocupación hospitalaria o resto do ano sería máis complicado acometer.

Esta iniciativa de mellora realizada na área de hospitalización de Obstetricia no Hospital Provincial de Pontevedra incide nos obxectivos estratéxicos da EOXI de manter unha eficiente e actualizada cobertura sanitaria á súa poboación de referencia no eido da Atención Hospitalaria, tamén mediante a renovación e mellora gradual daquelas infraestruturas asistenciais que, pola súa frecuentación e actividade ao longo do tempo, requiren dita intervención técnica.

Comentarios