As 11.000 mulleres bravas da UVigo

Visibilizar o traballo das mulleres da UVigo é a fin da campaña ‘Bravas’, que este xoves se presentou no marco da celebración do 8-M 
Homenaxe ás mulleres da UVigo na Casa das Campás. J. CERVERA
photo_camera Homenaxe ás mulleres da UVigo na Casa das Campás. J. CERVERA

HOMENAXEAR ás 11.000 mulleres que forman parte da Universidade de Vigo foi un dos obxectivos do acto que, co gallo da celebración do 8-M, organizou onte a institución en Pontevedra.

A Casa das Campás recibiu a unha delegación da UVigo presidida polo reitor, Manuel Reigosa, e que contou coa presenza dos vicerreitores de Pontevedra e Ourense, Jorge Soto e Esther de Blas, e a vicerreitora de Comunicación, Mónica Valderrama, e no que tamén participaron algunhas das científicas da Universidade, así como as representantes da Unidade de Cultura Científi ca e da Innovación que se puxo en marcha hai un ano.

"Este acto é unha maneira de reivindicar o Día Internacional das Mulleres para afianzar o compromiso da Universidade de Vigo coas políticas de xénero e a promoción da igualdade", manifestou a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez.

INSIDE OUT. A homenaxe arrincou coa presentación da campaña Bravas. Mulleres da Universidade de Vigo, un "retrato coral, construído desde a pluralidade de miradas femininas" que busca homenaxear "as máis de 11.000 mulleres que integran a Universidade de Vigo", destacou a vicerreitora.

O reitor anunciou o terceiro Plan de Igualdade da universidade

Tal como indicou Mónica Valderrama, con esta iniciativa a Universidade súmase ao "proxecto colaborativo de ámbito global Inside Out, impulsado en 2011 polo artista francés Jean René (JR), e que levou a diferentes colectivos a empregar o espazo urbano para proxectar, a través de retratos a grande escala, as realidades e identidades de persoas e grupos". A campaña está integrada por 18 retratos, agrupados baixo o lema de "bravas", que define "a un grupo de mulleres afoutas e arriscadas e recolle a actitude das mulleres, a súa valentía e traballo diario", salientou Valderrama.

Esta proposta inclúe ademais o proxecto Mulleres [rur]urbanas que levará a cabo a cooperativa cultural 7H, co apoio do Concello e maila UVigo, nos vindeiros días polas rúas da Boa Vila a fin de destacar "a historia das mulleres rurais".

A cooperativa cultural 7H levará a cabo o proxecto [rur]urbanas polas rúas e prazas da Boa Vila

PREMIO UVIGUALA. No transcurso do acto fíxose entrega do Premio Uviguala que desde hai oito anos outorga á Universidade "a alguén que destacou por facer algunha actividade a prol da igualdade entre mulleres e homes".

"Neste caso démoslle o premio por unanimidade á delegación de alumnos de Telecomunicacións, porque foron os primeiros que tiveron a iniciativa de promover os puntos lila na UVigo", engadiu a responsable de Igualdade.

Na entrega do galardón ás representantes da delegación de estudantes de Telecomunicacións, Antía Fandiño e Nerea Dosil, o reitor referiuse ás premiadas como "un exemplo" e animounas á que manteñan a súa implicación coa loita por unha "igualdade real, que aínda queda moi lonxe". Reigosa amosouse "moi orgulloso dunha iniciativa como a dos puntos lila, que está cambiando para ben as festas universitarias", dixo.

Ademais, Manuel Reigosa anunciou que a UVigo presentará en breve o terceiro plan de igualdade, que se abrirá a toda á comunidade universitaria para que se presenten as alegacións pertinentes. Ademais, a vindeira semana, a UVigo presentará en Ourense un estudo do impacto e valoración das políticas de igualdade de xénero na Universidade de Vigo, así como un itinerario virtual de formación en xénero que se levará a cabo a partires do mes de abril e que irá destinado tanto ó alumnado coma ó Persoal Docente Investigador (PDI) como Persoal Administrativo e de Servizos (PAS).

No acto presentouse a publicación Quero ser investigadora, promovida desde a Unidade de Cultura Científi ca e da Innovación, que ten por obxectivo espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Secundaria, dándolles a coñecer a traxectoria e ámbitos de traballo de dez investigadoras da UVigo. Julia Armesto, Lola Dopico, Francisca Fariña, Ana Garriga, María Lameiras, Elena Ojea, Lorena Otero, María Concepción Paz, Elena Sánchez e Diana Valverde completan un elenco de dez investigadoras que desenvolven a súa carreira en distintas facultades da Universidade de Vigo. A través da súa experiencia e coa axuda dunha unidade didáctica, preténdese visibilizar a súa actividade e facilitar ó alumnado referentes cercanos no eido da ciencia.

Ademais, a sede da Vicerreitoría acolle desde este xoves a exposición Científicas que contan, dirixida tamén a dar visibilidade ó traballo da muller na ciencia.

Trátase dunha mostra de 13 paneis, impulsada pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que pretende ser unha homenaxe a nove "heroínas que loitaron contra moitos obstáculos".

Comentarios