Inauguración o 12 de xullo en Silleda

172 historias de mulleres que nunca tiñan fame

A Deputación presenta a mostra itinerante 'Rexas', sobre mulleres represaliadas polo Franquismo, elaborada por Montse Fajardo
Eusebia Durán Lusquiños (primeira da segunda fila pola dereita) cunto á súa familia
photo_camera Eusebia Durán Lusquiños (primeira da segunda fila pola dereita) cunto á súa familia

A Lola Cerqueiro levárona moitas noites os falanxistas para espila, maltratala e violala. Mentres seu pai se agochaba nun tobo da súa casa, Lola, de Vilaboa, aguantaba a só uns metros do escondite de seu pai as vexacións dos que viñan preguntando por el. Foi rapada e secuestrada e durante innumerables noites aguantou a aldraxe dos falanxistas.

Agora Lola, que nunca fora homenaxeada nin recoñecida, que sufriu en silencio e arrastrou toda a vida as consecuencias daqueles anos de terror, aparece nunha mostra de mulleres valentes e resistentes que percorrerá toda a provincia de Pontevedra até finais de ano.

"Eran mulleres que nunca tiñan fame para que os seus fillos comeran", resumía Pepe Pereiro, do Porriño, na presentación da mostra 'Rexas' na Deputación Provincial. Pereiro, neto dunha das 172 mulleres represaliadas que aparecen na mostra comisariada por Montse Fajardo e promovida pola Deputación de Pontevedra, afirmou este mércores que a súa avoa Elena estaría "intimamente satisfeita" se puidese ver a homenaxe que lle rende o ente provincial.

Na mostra tamén aparece a historia de Eusebia Durán Lusquiños, do barrio da Seca, detida xunto ao seu home por agocharen fuxidos nos seus terreos. Acusáronos de teren unha radio dende a que sintonizaban a  'emisora roja' e pecháronlles unha pequena tenda na que vendían os excedentes do viño e os produtos agrícolas resultantes do traballo da terra. Eusebia xa nunca volveu abrir a tenda que rexentaba e criou a doce fillos nos anos da miseria. A unha delas arrincáronlla do colo mentres lle daba o peito cando foron a detela. Aqueles nenos, dos que só viven tres mulleres, nunca esqueceron como Víctor Lis (líder da Garda Cívica en Pontevedra) xogaba co seu revolver arredor da sen de seus pais aquel día, ameazando con matalos.

O título da exposición, 'Rexas', é un xogo de palabras que fai referencia ás reixas do cárcere que foi o Franquismo e ao rexas que foron as mulleres que sobreviviron nel, tal e como explicaron este mércores Montse Fajardo e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, tamén presente no acto.

A mostra divídese en tres bloques, tal e como explicou a mesma Montse Fajardo na presentación. Deste xeito, no primeiro deles reflíctese a quebra nos avances de dereitos para as mulles e as clases máis desfavorecidas que supuxo o golpe de Estado de 1936. O segundo está adicado a todas as tipoloxías de represión que padeceron as mulleres. Así, ademais de ser perseguidas, asasinadas ou de vérense na obriga de exiliarse, padeceron tamén violencia machista a través das rapas do cabelo, as tatuaxes e as violacións. Na provincia de Pontevedra foron asasinadas aproximadamente unha vintena de mulleres. No terceiro bloque fálase das mulleres que teceron redes de solidariedade para axudar aos represaliados.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tamén estivo presente no acto deste mércores, no que reivindicou a legalidade e os valores democráticos da II República e recordou a algunhas mulleres presentes na obra orixinarias do barrio no que naceu, Lavadores (Vigo). Do mesmo xeito, falou das protagonistas da mostra como "o mellor da sociedade".

Comentarios