martes. 28.09.2021 |
El tiempo
martes. 28.09.2021
El tiempo

A vendedora máis veterana da Praza xubílase tras 19.000 días

Antonia González Graña. DAVID FREIRE
Antonia González, no seu posto do Mercado. DAVID FREIRE
Antonia González comezou limpando peixe coa súa nai na lonxa de Marín e, 52 anos despois, di adeus ao traballo da súa vida

Entre peixe viviu Antonia González toda a vida. Dende que aos 14 anos comezou a axudar á súa nai na lonxa ata este sábado que se despediu do seu posto na Praza. Fíxoo con algunha que outra bágoa que escapaba ao recordar tantos anos, 52 en concreto, que suman case 19.000 días. "O mellor destes anos foi o respecto da xente, dos traballadores do porto, dos clientes... iso é o máis grande que pode haber. Sentirse apoiada e querida sempre, iso vale máis que todos os cartos do mundo", conta Antonia na súa última semana de traballo.

Nunca pensou despedirse do seu posto nunha circunstancia coma esta, que non lle permitirá celebrar grandes festas de despedida. "Quedaremos os de sempre, os que nos coñecemos dende hai moito tempo, pero teremos que facer algo pequeno porque a cousa non está para moitas festas", lamenta. Porén, algo bo que tivo a crise do coronavirus foi a posibilidade de ampliar a clientela. "Eu teño moito respecto pola xente maior, pero os novos encántanme", confesa. Por iso nestes meses sentiuse encantada de poder servir a domicilio a xente nova que se interesaba polo seu produto. "Eran clientes novos e unha rapaza leváballes os pedidos a casa. Agora que xa se pode saír esa xente empezou a vir polo meu posto no Mercado e saúdanme. Ti es Antonia?, pregúntanme. Eu iso adóroo", explica emocionada.

De feito, o traballo de Antonia nestes anos non só se limitou a comprar e vender peixe. Entre as súas tarefas podería incluírse tamén a de planificar dietas e organizar menús. "Hai xente que me viña os sábados porque entre semana traballaba, entón preguntábame que podía conxelar, que cousas había que consumir xa... E eu organizáballes todo, explicáballes ata como preparar o peixe. Iso é moi importante, que confíen en ti", explica á vez que repite unha lección que aprendeu de súa nai: "Hai que responder sempre con calidade, a min nunca me viñeron co peixe de volta porque estivera malo: enganar engánase unha vez soa".

"Nunca me viñeron co peixe de volta porque estivera malo"

Porén, vender peixe na Praza xa non é o que era. "Fíxonos moito dano o tempo que tivemos que pasar para a praza ao outro lado do río, a xente non quería pasar a ponte e neses catro anos perdemos moita clientela", explica. Ese foi un dos momentos máis difíciles que lle tocou vivir como peixeira, xa que, mentres se levaban as obras no Mercado, abriron novas peixerías no centro da cidade e creceu a competencia. Máis supermercados e clientela con menos tempo para facer a compra foron dous factores que influíron no baixón que deu a venda na Praza de Abastos. "Non é o mesmo que antes, eu penso que a Praza non se recuperou aínda daquela", conta mentres explica que moitos dos clientes que volveron fixérono pola calidade. Porque a Antonia non lle interesa competir en prezo, senón en produto. "A xente que vén aquí sabe que o peixe de Antonia non falla, que eu vendo sempre fresco, do día, de calidade", explica.

Aínda así, recoñece que cos anos faise máis difícil atopar variedade nas lonxas. Antonia González comezou a traballar lavando ao peixe na lonxa vella de Marín. "Comprabamos pola noite, a medida que ían chegando os barcos, e lavabámolo alí nuns pilóns. Eu, como quería gañar cartos, lavaba para a miña nai pero tamén para outras peixeiras que me daban algo polo traballo", conta. Despois de comprar o peixe e lavalo, ela e máis a súa nai ían para casa, descansaban e, ás sete da mañá, collían o trolebús para Pontevedra. "Logo abriu a lonxa de mañá e cambiou a cousa, eu tiña 30 anos e saquei o carné para poder levar o peixe en coche e non ter que andar no trolei", recorda.

Cando a nai de Antonia morreu, ela seguiu á fronte do negocio e foi testemuña de como as lonxas galegas foron perdendo variedade e cantidade de peixe. "Isto antes era unha riqueza. Había unhas fanecas grandes que xa non se ven, unhas castañetas vermellas grandes, uns ollomoles... Todo iso perdeuse, Agora hai que ir a varias lonxas para ter variedade", conta.

Os seus últimos días activa pasounos ensinando ao mozo que tomará o relevo do negocio. "Non queda ninguén da familia porque non teño a quen deixarllo, miña filla ten un traballo fixo, pero este rapaz ten moi bo trato cos clientes e vai facelo ben", explica. O último servizo de Antonia será acompañar ao seu sucesor á lonxa. "Ir á subasta non é fácil, hai que saber cando hai que puxar, levar as contas do que adoitan levar os demais... A iso teño que axudarlle eu uns días para que colla práctica", conta.

Despois, Antonia gozará dun merecido descanso aos seus 66 anos. "Eu xa teño unha idade e non estou para traballar no peixe, pero non vou deixar de comelo, moito nos gusta o peixe nesta casa!", despídese.

A vendedora máis veterana da Praza xubílase tras 19.000 días
Comentarios
ç