Plantan 192 árbores autóctonas para compensar a pegada de CO2 da Gran Final das Series Mundiais

O Concello aliouse coa comunidade de montes de Tomeza para realizar a plantación
Lores participou activamente na plantación de árbores para compensar a pegada de CO2 da Final das Series Mundiais de Tríatlon. DAVID FREIRE
photo_camera Lores participou activamente na plantación. DAVID FREIRE

Calquera actividade humana e produtiva, mesmo a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, produce un efecto negativo sobre o medio ambiente que debe ser avaliado, minimizado e compensado. Neste contexto, explica o Concello, naceu a estratexia de sostibilidade, aliñada cos obxectivos para o desenvolvemento sustentable da Axenda 2030.

Entre as medidas implantadas destacan as relativas a mobilidade sustentable, a accesibilidade universal, a reutilización de elementos de todo tipo, as accións de uso responsable da auga ou o fomento da igualdade e da non discriminación. O seguimento destas accións implicou a recompilación dos datos relativos a consumos, emisións, persoas, espazos e comunicación, o que permitiu tamén cuantificar as emisións de CO2 asociadas á organización e realización do evento deportivo.

Plantación de árbores para compensar a pegada de CO2 da Final das Series Mundiais de Tríatlon. DAVID FREIRE
Plantación de árbores para compensar a pegada de CO2 da Final das Series Mundiais de Tríatlon. DAVID FREIRE

O transporte, os consumos das edificacións fixas e temporais ou a xeración e tratamento de residuos foron debidamente avaliados dando como resultado o dato de 38 toneladas de CO2 equivalentes (unidade de medida do cómputo global ponderado das emisións de gases de efecto invernadoiro) emitidas como consecuencia da celebración da Final das Series Mundiais de Triatlón celebradas en Pontevedra, considerado o maior evento deportivo na historia da cidade, que deixou "lembranzas espectaculares e unha sensación de éxito absoluto", explica o Concello nun comunicado.

Para compensar o impacto ocasionado polas estas emisións está a ser realizada unha plantación de 192 árbores de especies autóctonas a través do Concello de Pontevedra e en colaboración con PreZero e así poder lograr un evento neutro en emisións de carbono.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse este xoves a comprobar os traballos que se están levando a cabo na parroquia de Tomeza, concretamente na contorna de San Cibrán, en terreos da comunidade de montes. Neste lugar medrarán castiñeiros e bidueiros nos anos vindeiros. "Compensamos ese exceso de CO2 que se produxo durante a Gran Final co obxectivo de buscar un evento o máis ecolóxico e sustentábel posíbel. Falamos dun aproveitamento e unha sinerxía entre todos os servizos municipais á hora de realizar esta plantación", explicou.

Este plan de accións queda encadrado dentro do movemento Good Loop, o movemento que reflicte o compromiso coa sustenbilidade da Federación Española de Triatlón. Con Good Loop, FETRI busca a redución máxima das emisións contaminantes que se xeran durante as competicións de triatlón ata lograr as máis altas cotas de sustensibilidade.

Como consecuencia desta estratexia World triatlón concedeulle ao evento o certificado de prata de sustentabilidade.

Comentarios