Un dos 20 Premios Extraordinarios de Eso recae nun estudante do IES Sánchez Cantón

Manuel Vicente Santiago obtivo 45 puntos nas probas realizadas en setembro ► Na lista tamén está Alejandro Campo Herbés, do CPR Plurilingüe San Fermín de Caldas de Reis
IES Sánchez Cantón. GSV
photo_camera IES Sánchez Cantón. GSV

Manuel Vicente Santiago, alumno do IES Sánchez Cantón, é un dos 20 estudantes galegos galardoados cos Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2022-23, segundo a resolución difundida este venres pola Consellería de Educación.

Dotados con mil euros, os gañadores non só tiñan que ter unha media mínima de nove na Eso para presentarse, senón que superaron con nota as probas realizadas a principios de setembro e ao que só na cidade de Pontevedra se presentaran uns 60 estudantes.

Manuel Vicente Santiago obtivo 45 puntos, polo que quedou na metade da táboa, encabezada por Jacobo Pérez Criado, do CPR Eirís (A Coruña) con 52,4 puntos. A nota mínima dos gañadores foi de 42,9. A nota do pontevedrés é o resultado da suma dos distintos exames: 9,5 en Matemáticas, 9 na materia de opción; 7,1 en Xeografía e Historia; 7 en Lingua Galega e Literatura; e dous 6,2 en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua Estranxeira.

Na lista tamén aparece Alejandro Campo Herbés, con 45,9 puntos, alumno do CPR Plurilingüe San Fermín de Caldas de Reis.

Comentarios