2018: o ano das lecturas violeta

O feminismo convértese nun dos temas que máis interese esperta entre os clientes das librerías de Pontevedra. Santiago Posteguillo e Manuel Rivas lideran a listaxe das obras máis vendidas en castelán e en galego.

libros_JoseLuizOubina_200
photo_camera Algúns dos libros máis vendidos en Cronopios en 2018. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Foi o ano das mulleres. O ano da revolución feminista e da reivindicación da igualdade real. A listaxe dos libros máis vendidos en 2018 en Pontevedra dá conta de todo iso. «Foi o ano do feminismo. Notouse moitísimo», di Mercedes Corbillón, de Cronopios. «É un tema que felizmente se puxo de moda. Non é só que saíran unha chea de títulos específicos sobre o feminismo ou rescatando a figura de moitas mulleres esquecidas, é que ademais vendéronse moitísimo e espertaron un enorme interese». Coincide con ela outra libreira pontevedresa, Luz Gallego, de Seijas, negocio especializado en títulos para cativos e mozos. «O do feminismo este ano pasado foi un auténtico boom. Xa se viña notando en 2017, pero a cantidade de títulos que se publicaron neste sentido nos últimos meses e o éxito que tiveron foi o non vai máis».


Tanto é así como que o terceiro libro máis vendido de Cronopios en Pontevedra é ‘Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes’ (Destino), de Elena Favilli e Francesca Cavallo. Pero é que entre os 50 títulos que máis se despacharon na librería pontevedresa están tamén ‘Idiotizadas’ (Zenith), de Moderna de Pueblo; ‘Morder la manzana’ (Planeta), de Leticia Dolera; ‘Teoría King Kong’ (Literatura Random House), de Virginie Despentes, e ‘Todos deberíamos ser feministas’ (Literatura Random House), de Chimamanda Ngozi Adichie, entre outros. A librería fai pública na rede social Facebook a listaxe de títulos que máis vendeu no último ano. En primeiro lugar aparece ‘Las hijas del capitán’ (Planeta), de María Dueñas. En segundo, ‘La desaparición de Stephanie Mailer’ (Alfaguara), de Joël Dicker.


«Chama a atención que sigan estando entre os máis vendidos ‘Fariña’ (Libros del KO), de Nacho Carretero, e ‘Patria’ (Tusquets), de Fernando Aramburu, [cuarto e quinto posto], despois de dous anos aí arriba», explica Corbillón. ‘Fariña’ aparece, de feito, por partida dobre porque entre os máis vendidos da librería está tamén a súa versión en galego.

No caso de Seijas, a librería sitúa entre os títulos favoritos dos seus clientes ‘Cuando las niñas vuelan alto’ (Beascoa), de Raquel Díaz Reguera, e ‘De mayor quiero ser... feliz’ (Beascoa), de Anna Morato García. «Os dous son libros para a cativada que inciden na igualdade». En galego, os lectores seguen decantándose polos dous selos infantís de Pontevedra: Kalandraka e Oqo. «As dúas partes da historia de Pippi Mediaslongas que publicou Kalandraka tiveron moitísimo éxito. No caso de Oqo tiveron repercusión os títulos que están a reeditar e chamou a atención a edición que sacaron de ‘Os sete cabritos’, que inclúe un contrasinal para descargar a obra en calquera tipo de soporte electrónico».

"O feminismo é un tema que felizmente se puxo de moda", din Mercedes Corbillón e Luz Seijas. "Fou un auténtico boom en canto a cantidade de libros publicados e ao éxito que tiveron"


Sen saír da literatura galega, Manuel Rivas é o autor máis vendido en Pontevedra. Confírmano tanto en Paz como en El Pueblo e sinalan en concreto ‘Vivir sen permiso e outras historias de Oeste’ (Xerais). 


As dúas librerías coinciden tamén nunha das obras máis vendidas en castelán, ‘Yo, Julia’ (Planeta), de Santiago Posteguillo, Premio Planeta do ano pasado. «Aínda que no noso caso a novela máis vendida con moita diferencia foi ‘Reina Roja’ (B), de Juan Gómez-Jurado», din en El Pueblo. «Está funcionando moi ben o boca a boca con ela». Na mesma librería engaden ‘La hija del relojero’ (Suma), de Kate Morton. 


Paz tamén sitúa entre os máis vendidos outro autor supervendas, Haruki Murakami, ‘La muerte del comendador’ (Tusquets). «Hai unha serie de lectores súper fieis a unha serie de autores aos que non soen fallarlles», reflexiona Mercedes Corbillón sobre o fenómenos dos bestsellers. «Son escritores que coñecen, dos que quizais leron algunha obra anterior que lles gustou, e que á hora de mercar un libro prefiren ir ao seguro. En Nadal, a venda dese tipo de libros multiplícase».


A librería Baroja mantense, neste sentido, á marxe das tendencias nacionais e internacionais. «Os títulos que máis vendemos son os do Bichero». Os clientes de Baroja prefiren o traballo do humorista gráfico Luís Davila (autoedición). «A verdade é que as obras que máis éxito tiveron este ano foron as que trouxeron ao autor á librería a asinar exemplares. Porque detrás de Davila estarían máis autores de aquí: José Benito García con ‘Donde la salmuera’ (autoedición); Adrián Morgade con ‘Xinfu na maldición guauchuky’ (Xerais), que está a punto de saír en castelán, e Álvaro Rodríguez Núñez con ‘Galleguismo, tradicionalismo y Segunda República’ (Glyphos).

NOVIDADES DE 2019
De Luís Rei e Fina Casalderrey a Isaac Xubín e Eva Mejuto
Os dous grandes selos editoriais galegos lanzarán nos próximos meses novidades de varios autores de Pontevedra. Fina Casalderrey publicará con Xerais ‘A furgoneta branca’, un volume con ilustracións de Lucía Cobo. Outro dos grandes títulos do ano será o que prepara Luís Rei. O xornalista, escritor e político publicará, tamén co selo que dirixe Fran Alonso, unha gran biografía do escritor Rafael Dieste. 
No ámbito xuvenil, 2019 suporá o regreso de Eva Mejuto á narrativa tralo éxito de ‘22 segundos’, a primeira novela da literatura galega que se achegou á realidade dun mozo transexual. Na colección ‘Fóra de xogo’ de Xerais, Mejuto publicará ‘Memoria do silencio’.
Isaac Xubín tamén volverá sacar novo libro nas próximas semanas. No seu caso leva por título ‘Os largos e longos campos de liño azul’ e chegará á rúa da man da editorial Galaxia.
O selo de Francisco Castro tamén ten previsto publicar os novos traballos de Diego Giráldez, Arantza Portabales e Iria Collazo. Galaxia ademais  lanzará un par de libros singulares: ‘Antes molabamos máis’, que repasa 15 anos de historia gráfica da marca pontevedresa Rei Zentolo, e a versión do clásico ‘Os dous de sempre’ realizada pola Asociación Juan XXIII.
 

 

Comentarios