"No 2022 imos de cabeza pola agrocompostaxe"

César Mosquera, vicepresidente da Deputación, confesa que está a pechar o que probablemente foi o seu mellor ano como xestor público. O convenio para incorporar Santa Clara ao Museo, a consolidación de Ágora, o pulo á compostaxe tralo parón do covid e o bo funcionamento da administración que cogoberna son para el vicepresidente algunhas das claves do ano que remata
César Mosquera. DAVID FREIRE
photo_camera César Mosquera. DAVID FREIRE

COMO BO MATEMÁTICO, César Mosquera (Valga, 1954) non cre nos xogos de azar, así que polo xeral non adoita mercar lotería de Nadal, conta o día do Gordo. O vicepresidente da Deputación confesa ter botado en falta as aulas que deixou hai 25 anos para dedicarse á actividade política e que malia a covid, o ano que está a piques de rematar foi probablemente o mellor da súa traxectoria como xestor público pola relevancia dos proxectos que ten en marcha o organismo Provincial.

Remata outro ano marcado pola covid, que balance fai?

Para min este ano, en conxunto, foi un ano moi bo. O ano pasado a pandemia orixinou moitos desaxustes na tramitación de proxectos e nese sentido este ano foi francamente bo, probablemente o mellor do tempo que levo na política. A nivel persoal e polos proxectos que están en marcha. Neste caso estamos falando de proxectos que se están levando a cabo en toda a provincia con toda a complexidade distinta, distintas cores políticas, uns máis conservadores outros menos... E os programas está funcionando con todos. Nos programas ReacPON e no Revitaliza hai concellos de todas as forzas políticas. E á parte nun tempo relativamente curto. A Deputación está funcionando francamente ben. Non é fácil cambiar as dinámicas como se cambiaron aquí cando chegamos.

"Levo moitos anos aquí e alguén podería pensar que é o momento de descansar, pero síntome ben. Partido a partido" 

O mellor ano e cun fito histórico para Pontevedra como é a compra do convento de Santa Clara por parte do Concello e a posterior cesión á Deputación para a súa incoporación ao Museo.

É un proxecto inmenso. Vai ser en terreo disponible a maior incorporación ao Museo de Pontevedra de toda a súa historia. Estamos falando de 14.000 metros. O convento de Santa Clara é un museo en si mesmo. A primeira idea que barallamos sempre foi dedicalo a museo, agora se está a estudiar a súa funcionalidade. Agardamos que se lle poidan incorporar outros usos museísticos. Niso estamos avanzando.

Cando se soubo da compra de Santa Clara e a súa incorporación ao Museo paralizouse o proxecto do novo edificio do museo en Valdecorvos e tamén o proxecto da conexión dos edifi cios do museo. Retomarase no ano que entra?

O dos sótanos é unha cuestión colateral. Hai que rehabilitar os edifi cios. Aínda planteei hai uns días a posibilidade de entrar coa prensa para transmitir como está aquelo e nos dixeron que non, que hai sitios onde ningún técnico che vai asinar que se pode entrar aí. Agardo que a metade do ano que vén esteamos coa obra licitada e se empece. O da conexión é algo obrigado porque senón cada edificio por separado non é funcional. Dispara os custes de sostemento, a ocupación de espazos... Estase retrasando a aprobación e modifi cación do Peprica, porque falta o informe de Costas e de Patrimonio... E Valdecorvos quedou en ‘stand by’. Se Santa Clara vai adiante como museo tería sentido que parte do que ía ir a Valdecorvos, achádegos arqueolóxicos etc. fosen para o convento e poderiamos redistribuír o museo. O de Valdecorvos desbótase, se Santa Clara non serve retomaríase, pero agardamos que non. 

A compostaxe, unha das apostas máis importantes do seu Goberno, sufriu un importante parón pola covid. Remontou este ano?

Mañá mesmo (polo pasado 23 de decembro) vótase no Congreso a Lei de Residuos e solos contaminados que vén sendo a transposición da diretiva do 2018, e que é a irmá do Revitaliza, que é o proxecto que está a facer a Deputación. O Revitaliza resentiuse pola covid, pero agora volveu coller velocidade de cruceiro. E incluso a Xunta está a piques de publicar a guía de compostaxe comunitaria, que ten moito do Revitaliza. Hai toda unha serie de proxectos que amosan que Pontevedra vai por diante. Nos camiños que demostraron que eran exitosos temos que seguir avanzando. Por exemplo, somos un referente na política de selección de persoal. A presidenta sempre di que no Ministerio están propoñendo para as administracións públicas algo que xa se está a facer aquí e que se traballou durante cinco anos.

Foi o ano do proxecto Ágora?

Ágora está sendo un exitazo. Que o propio secretario de Estado da Axenda Urbana se preste a ser o padriño desta iniciativa e que incluso estea pensando en replicala noutras cidades che dá a dimensión do que é. Xa estamos pensando na seguinte edición, nun segundo nivel. É un esforzo, pero está dando uns resultados magnífi cos. As actuacións que se fi xeron no espazo público na provincia enmarcadas no proxecto Ágora son exemplares e moi avanzadas, con gran éxito de todos e todas as forzas políticas. O caso de Pontevedra queda aparte. Vese tamén nos proxectos que van entrar no ReacPON. Teño feito moitas cousas na vida pública, tanto na oposición coma no Goberno, pero ter tantos proxectos tan avanzados e sen ningún fracaso e no que se ve que vas avanzando é para estar satisfeito. Iso dá un feedback que fai que un se atopa moi ben. Non poden entrar as dúbidas. Levo moitos anos aquí e alguén podería pensar que é o momento de descansar, pero a experiencia e o feito de estar facendo o máis novidoso, fan pensar o contrario. 

"As actuacións enmarcadas no Ágora son exemplares e fíxeronse con gran éxito de todas as forzas políticas"

Quere dicir que non se lle pasa pola cabeza deixar a política?

Non o sei. Cando un ve que as cousas saen, séntese ben. Ou, se cadra, quero retirarme no mellor momento… (risos) Non, non se está planteando iso agora. Entrei no 91 no Concello de Pontevedra co compromiso de que me marchaba no 95, tiña claro que o da política era transitorio, porque tiña un proxecto coa Universidade de Barcelona, pero no 95 chegou Lores e dixo que ou ía eu ou entón tampouco ía el. Era unha ecuación na que me sentía a gusto. Hai que ir partido a partido. Os que me coñecen saben que non son moi dado a exteriorizar o meu estado de ánimo, pero nestes momentos síntome mellor que nunca.

Como encara o ano que vén?

Que proxectos ten entre mans? Temos previstas obras asociadas a espazo público en 27 concellos diferentes que se executarán este ano no marco do ReacPON. Son obras con criterios de Ágora, potentísimas. Por outra banda, se o marco normativo nolo permite ímonos meter de cabeza coa agrocompostaxe. É algo que intentamos en 2015, pero que tanto o marco normativo como a disposición do sector non o permitía. Hoxe hai máis posibilidades. O da agrocompostaxe é impresionante, onde non se poida facer compostaxe individual ou comunitaria, como un hospital etcétera, permitirá que eses biorresiduos orgánicos pasen directamente a un agricultor ou gandeiro que os composte na súa fi nca. A principios do ano que vén imos sacar unhas liñas de axudas para as persoas interesadas. Teriamos unha capacidade de compostar sen andar en coche, o que implica unha redución de emisión de CO2 elevadísima, é o chamado modelo austríaco. Iso colocaríanos como no máis avanzado de Europa. Na compostaxe comunitaria xa somos do máis avanzado en Europa e probablemente do mundo.

Seis anos despois, como é a relación no Bipartito?

Con respecto ao Goberno si tivemos moitas discusións en xuño e xullo do 2015, para a composición do Goberno. Todos sabiamos das difi cultades que hai e os problemas que podía haber despois e deixamos as cousas claras. Establecemos o marco sobre o que tiñamos que gobernar. O esquelete que establecemos ao primeiro aínda está hoxe en vigor e funciona. Por outra banda, ou es un temerario ou sabes que os esforzos que fan falta nunha administración como a Deputación son tan grandes que gastar enerxías en tonterías é absurdo, non che dá para sacar as cousas adiante. A experiencia e o coñecemento xogan moito a favor.

Nun tempo demasiado crispado, con moito ruído, como é a relación coa oposición?

Na Deputación están divididos. Creo que se percibe claramente cal é o ton que utiliza o portavoz Cubela e a viceportavoz, Pepa Pardo. É cuestión de observar. Incluso con papelóns, Jorge Cubela ía presentar con nós o ReacPON e logo déronlle a orde de que non podía. Hai aí diferenzas de base. Non sei se ideolóxicas ou non, pero o que é de funcionamento e de actitude cara a Deputación vese a diferenza. A Cubela déixano nunha situación moi difícil.

"Agardo que a medidos do 2022 estea a obra da rehabilitación dos edificios do Museo licitada"

Mellor que no Concello?

Eu procuro ser respectuoso con todo o mundo. O grupo do PP é variado e plural, pero non sei que ten que ver Ana Isabel Vázquez con Domínguez ou Pepa Pardo. Domínguez é un auténtico ‘friki’. Pásalle unha cousa pola cabeza e a di. Por exemplo, o que pasou con Santa Clara. Din que están dacordo con que o Concello compre Santa Clara e que vaia para o Museo, pero non que o Concello lla ceda á Deputación, que é a que xestiona o Museo. Como encaixamos isto? Supoño que tanto a nivel persoal como profesional é unha persoa moi seria, pero a política tómaa como unha auténtica ‘fricada’.

Aínda que é unha cuestión municipal, como ve a polémica polo peche de Raíña Vitoria?

É unha cousa curiosa. Pasa con moitas cousas. Cos composteiros comunitarios practicamente todo o mundo está dacordo, menos o PP de Pontevedra. A alcaldesa de Marín, o de Valga, estano colocando... A propia Xunta ten unha liña de axudas... dá igual. O señor Domínguez non. Con respecto á oposición ao peche de Raíña Vitoria, do que estamos falando non é unha cuestión voluntaria é unha obriga legal. Hai que quitar coches do centro das cidades. No 99 o PP tivo unha oposición frontal á peonalización. Pasou o mesmo cos lombos, moitos concellos do PP os estaban pedindo e aquí se protestaba. Penso que é só unha cuestión política.

Profesor de matemáticas, botou de menos as aulas algunha vez?

Moito. Eu fun un curioso universal desde pequeniño. Cando ía ás fi ncas cos meus avós sempre lles preguntaba por todo, que isto é así, e isto outro e eles ás veces desesperábanse... De feito, rematei matemáticas ós 22 anos, saquei as oposicións e ese mesmo anos saquei unhas cantas asignaturas de Filosofía e ata estudei algo de Medicina. Empecei a dar clase con 14 anos co meu irmán máis vello aos veciños e sempre que pillo ao fi llo dalgún compañeiro aproveito para darlle clases. A docencia foi a miña vida.

"Na compostaxe comunitaria xa somos do máis avanzado en Europa, e probablemente do mundo"

"Co Museo repasamos a memoria de Castelao e hai que reparar outras"

O ano 2021 empezara co cambio de nome do Sexto Edificio, que desde entón é Edifi cio Castelao. Dixo vostede que se repara unha inxustiza histórica.

Si. Hai unha cuestión que creo que se nota de que intento facer o mesmo tanto na oposición como no Goberno. Como responsable do Museo entendo que teño que darlle apoio e impulsar aos grandes proxectos que poidan desbordar a dirección do Museo e o que é o día a día , o director do Museo é quen aplica o programa co quen se presentou. Non tería sentido que fose doutra maneira. Hai que deixarllo levar a cabo. O cambio de nome foi unha iniciativa do Consello Asesor, cambiar o nome do edifi cio, a proposta foi de Ramón Rozas, asociándoo á compra do Álbum Nós. Reparamos unha inxustiza histórica, paramin chega tarde, e demostra certo problema que tivo Pontevedra durante anos, que cando a Xunta instaura as Medallas Castelao, en Pontevedra segue a ser un proscrito. Parece que naquela época había falta de xenerosidade con algúns personaxes, que non se permita que as cousas ventilen, que se faga xustiza. Hai certos círculos en Pontevedra vinculados ao Museo que fi xeron un bo traballo e probablemente non puideron facer máis, e hai que recoñecerlles o mérito, pero que cambiaron os tempos. E creo que iso está superado e é mellor para Pontevedra, para o Museo e para Castelao. Haberá que reparar máis memorias e traxectorias que están aí.

Comentarios