domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

'22 segundos', de Eva Mejuto, finalista do Premio Hache

A escritora Eva Mejuto. DAVID FREIRE (ARQUIVO)
A escritora Eva Mejuto. DAVID FREIRE (ARQUIVO)
Preto de 6.000 rapaces de España, Colombia e Chile forman parte do xurado da iniciativa

A primeira novela da escritora, xornalista e xestora cultural Eva Mejuto (Sanxenxo, 1978) vén de ser elixida finalista do Premio Hache de Cartagena, un galardón incluído no proxecto Mandarache, no que 6.000 escolares de España (Murcia), Colombia (Cartagena de Indias) e Chile (Cartagena, Valparaíso) len e traballan durante un ano cunha serie de títulos seleccionados por medio cento de profesionais do mundo do libro e da educación para despois elixir o seu favorito.

A particularidade destes galardóns, que foron recoñecidos polo Ministerio de Cultura, en 2014, co Premio Nacional al Fomento de la Lectura, é que son entregados polo "mayor jurado literario del mundo", segundo os promotores.

Xavier Aldekoa, Ana Pérez Cañamares e Alfredo Sanzol optan ao Mandarache; Eva Mejuto, Paloma González Rubio e Elia Barceló, ao Hache

Este ano, os títulos finalistas do Premio Hache (que votan case 2.000 mozos e mozas), ademais de 22 segundos, de Eva Mejuto, son João, de Paloma González Rubio, e El efecto Frankenstein, de Elia Barceló. As obras, que serán valoradas por rapazada de entre 12 e 14 anos, foron escollidas "por su valor pedagógico y su calidad artística". Do Premio Mandarache (que elixirán preto de 4.000 lectores), que escollerán mozos e mozas de entre 15 e 30 anos, son finalistas Indestructibles, de Xavier Aldekoa, Las sumas y los restos, de Ana Pérez Cañamares, e La valentía, de Alfredo Sanzol.

Á hora de seleccionar a obra da pontevedresa entre os finalistas, o xurado valorou que se tratase dun texto traducido do galego ao castelán pola propia autora así como que se achegase "con una mirada empática a la conmovedora historia en primera persona de un joven transexual y a los momentos clave de su infancia y su adolescencia".

Con anterioridade só outro título galego formou parte dos finalistas ao galardón: 'La paloma y el degollado', de Fina Casalderrey

Eva Mejuto recoñece que recibiu a noticia da selección da súa novela con sorpresa. "É que é un premio do que foron finalistas os autores de literatura xuvenil máis importantes de España. E aí me colei eu!", explica a autora. "Este galardón é especial porque non importa tanto gañar ou non gañar como ser finalista, que é o que te leva a que traballen coa obra milleiros de escolares. Faime moi feliz que sexa así, especialmente no caso desta historia, que trata o tema da transexualidade, o que lles permitirá falar de diversidade e de liberdade en materia sexual".

Con anterioridade, só outra autora galega foi finalista do Premio Hache: a tamén pontevedresa Fina Casalderrey. Fíxoo en 2010 con La paloma y el degollado. A maiores, na outra categoría, na do Premio Mandarache, tamén estivo entre as seleccionadas para a lectura da rapazada a obra doutra pontevedresa, Esperando a Robert Capa, de Susana Fortes. Foi en 2011. O outro galego que optou ao Mandarache foi Manuel Rivas, en 2013, por Todo es silencio.

Os gañadores dos premios o ano pasado foron: Samantha Schweblin (Mandarache) por Kentukis, un libro escollido polo New York Times entre os dez mellores títulos en castelán de 2018, e Eloy Moreno (Hache) por Invisible, un título que vai pola súa décima edición.

'22 segundos', de Eva Mejuto, finalista do Premio Hache
Comentarios