226 proxectos recibirán axudas na I Convocatoria do Plan Social de Ence

Nas próximas semanas a empresa convocará aos responsables das iniciativas seleccionadas para a sinatura do convenio
Instalaciones de Ence en la ría de Pontevedra. DP
photo_camera Instalaciones de Ence en la ría de Pontevedra

Un total de 226 proxectos dos 342 presentados á I Convocatoria do Plan Social de Ence en Pontevedra recibirán axuda para o seu desenvolvemento, unha vez concluídos os exhaustivos traballos de valoración levados a cabo pola Comisión de Seguimento do Pacto Ambiental entre a Xunta de Galicia e Ence. Para a avaliación do elevado número de solicitudes presentadas na primeira edición do Plan contouse coa colaboración da prestixiosa consultora EY (Ernst & Young, SL), que realizou unha pormenorizada e detallada valoración de todos os proxectos.

A área de actuación que máis axudas recibirá será a de Apoio ao Deporte de Base, con 92 axudas outorgadas das 121 solicitudes presentadas, seguida de Impulso ao Emprendemento e a Economía, con 34 axudas adxudicadas das 74 que se presentaron. A área de Loita contra a Exclusión Social recibirá 28 axudas, Axudas Veciñais 26, Recuperación e Coidado da Contorna 23, e Apoio e Axudas á Educación e a Cultura 22.

Ence procedeu a comunicar a resolución da convocatoria a cada unha das entidades ou persoas físicas que presentaron solicitude, vía correo electrónico ou postal.

Nas próximas semanas, a empresa convocará aos responsables dos proxectos seleccionados para a celebración dun acto de sinatura do convenio de formalización da adxudicación da axuda correspondente.

Ence valora "moi positivamente" a "gran acollida" do seu Plan Social de Pontevedra, así como o elevado número de proxectos que recibirán achegas e de beneficiarios dos devanditos proxectos, a teor da información facilitada polos seus promotores.

A empresa pasteira reitera o seu compromiso cos seus veciños de Pontevedra e confía en que o seu programa de responsabilidade social contribuirá "de maneira destacada" á "calidade de vida dos cidadáns de Pontevedra e a súa comarca".