Por un 25-N que "mova, remova e conmova"

Co lema "#por ser mulleres", a Deputación despregará un amplo programa de actos contra a violencia machista e para reivindicar que a axenda feminista ocupe xa o centro da axenda política: "Non podemos nin debemos agardar máis"
Presentación do programa 25-N. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Presentación do programa 25-N. BEATRIZ CÍSCAR

Con forza e urxencia. Así reivindicou onte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, "unha axenda feminista do Estado, das comunidades autónomas, que estea xa no centro da axenda política".

Fíxoo durante a presentación, nas Ruínas de San Domingos, dos actos programados pola institución provincial con motivo do 25-N e que este ano levan por lema '#Por ser mulleres'.

"Aproveitamos o 25-N para que o noso berro soe aínda máis alto", dixo Silva, se ben lembrou que a Deputación leva a cabo un amplo repertorio de iniciativas ao longo de todo o ano, dado o seu "compromiso total e absoluto coa igualdade, o centro de toda a nosa acción", afirmou.

undefined

Con respecto á programación presentada este venres, o propio día 25 comezará en Pontevedra e Vigo a sétima edición de 'Mulleres en acción. Violencia Zero': a praza da Peregrina acollerá ás 12.00 horas a performance Asta en cueva de Alba Soto e o Museo Marco será o escenario, ás 18.30 horas, da peza VER/Cada/Bágoa de Mercé de Rande.

En total, o programa incluirá 25 accións (performances, musicais, escénicas, murais, danza urbana e poéticas) en 25 concellos, todas elas baixo o fío Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!.

As voces das artistas participantes puidéronse escoitar xa este venres a través da montaxe sonora Voz colectiva nas Ruínas de San Domingos, onde tamén tivo lugar a actuación musical de Xoana Dardos en feminino.

Ademais das accións de Violencia Zero, a programación da Deputación polo 25-N arrancou xa a comezos de mes co Manifesto de Soutomaior, ao que seguiu o workshop da Cátedra de Feminismos 4.0 Hackeando o patriarcado.

A sétima edición de 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' arrincará o día 25 en Pontevedra e Vigo 

Entre o día 24 e o 28 estarán alumeadas en morado as sedes institucionais de Pontevedra e Vigo, nas que este venres se despregaron sendas pancartas co lema Por ser mulleres. Reivindicando a nosa axenda.

No Pleno provincial do día 26, a investigadora da Universidade de Vigo Silvia Pérez lerá unha declaración institucional e dende esa xornada ata a do 29 a Deputación dará a coñecer toda a súa programación no eido da igualdade na feira Culturgal.

O día 29 tamén se inaugurará na sede de Vigo a mostra Espazos Roubados, de Isabel Blanco; o día 30 comezará un módulo en igualdade na Escola de Enfermería e a comezos de decembro presentarase a nova campaña do xoguete igualitario, non sexista e non violento.

undefined

Por outra banda, ata o 9 de decembro continuarán os debates teóricos online sobre a axenda política feminista coordinados por Rosa Cobo e, ata o día 15, os obradoiros de formación Canteira de Igualdade nos institutos.

Ademais, o 11 e 18 de decembro terá lugar no Museo Marco o novo ciclo Cinema mulleres, en colaboración co Consulado Xeral de Arxentina, e na sede provincial viguesa poderá visitarse ata o 31 de decembro a mostra Muller por muller, comisariada por Rosario Sarmiento.

"Estamos aquí, unidas, de pé, no centro, denunciando, para que saiban os fascistas, os que negan o sufrimento das violencias das mulleres, que somos fortes, estamos convencidas, sabemos polo que loitamos e ninguén nos vai parar", clamou onte Silva.

Comentarios