Un 25-N para chamar ás cousas polo seu nome

O Concello de Pontevedra lanza unha campaña coa que di que quere "recuperar o contido político" do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e loitar contra os eufemismos ▶ A programación arredor da conmemoración da data incluirá un faladoiro coa cantante e compositora Zahara en Santa Clara
A directora do CIM de Pontevedra, Rosa Campos; a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, e a axente de Igualdade Mercedes Renda (de esquerda a dereita). GONZALO GARCÍA
photo_camera A directora do CIM de Pontevedra, Rosa Campos; a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, e a axente de Igualdade Mercedes Renda (de esquerda a dereita). GONZALO GARCÍA

Actividades de empoderamento para mulleres en situación de vulnerabilidade; lectura dun manifesto; colocación dunha lona nun edificio emblemático da cidade; faladoiro coa cantante Zahara; música e obradoiros de autodefensa forman parte da programación que o Concello de Pontevedra desenvolverá arredor do 25 de novembro (25-N), Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentou este martes as propostas e a campaña institucional arredor da conmemoración da data, desenvolvida pola axencia Ovo e na que, segundo dixo, se busca "chamar ás cousas polo seu nome".

"Queremos recuperar o contido político do 25-N", sinalou Gulías. "Non podemos permitirnos eufemismos". Preguntada ao respecto destas afirmacións sobre se se perdera ese "contido político" da data, asegurou que si. "A miña opinión é que se perdera e que temos moitos problemas de clarificación [de conceptos]. Fálase de violencia sen apelidos, por exemplo". As campañas do 25-N en Pontevedra nos últimos anos correron a cargo de concellerías do Partido Socialista.

Temos problemas de clarificación. A violencia non é doméstica nin intrafamiliar, é machista. Cando se nos chama feminazis demóstrase machismo. E as mulleres non morremos cando nos matan, somos asasinadas

"Combátese a violencia con minutos de silencio e non é abondo", seguiu explicando a concelleira, que estivo acompañada pola directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, Rosa Campos, e pola axente de Igualdade Mercedes Renda. "Fronte a iso temos o discurso negacionista, A violencia non é doméstica nin intrafamiliar, é machista. Cando se nos chama feminazis demóstrase machismo. E as mulleres non morremos cando nos matan, somos asasinadas. Non son nin crimes paixonales nin liortas domésticas", dixo facendo referencia de xeito explícito ao que son os aspectos da linguaxe sobre os que pon o foco a campaña do Concello. "Non temos medo a charmalle ás cousas polo seu nome".

Programación 

En canto á programación deseñada arredor do 25-N, que segundo dixo Gulías aspira a completarse "cunha intervención no espazo público que sirva de lembranza permanente da data", abriuse convocando tanto ao Consello Municipal da Muller (este luns) como ao Consello da Muller Nova (este xoves). Anabel Gulías avanzou que non quere que estas convocatorias queden reducidas a datas sinaladas como o 25-N ou o 8 de marzo (8M), Día da Muller, senón que se ampliarán a calquera momento do ano no que se considere necesario realizalas.

Combátese a violencia con minutos de silencio e non é abondo

O Concello recupera o programa Xuntas, que traballa o empoderamento de mulleres en situación de especial vulnerabilidade. O resultado dese taller de seis meses é unha exposición de fotografías, que quedará aberta ao público no primeiro andar do Teatro Principal dende o 16 de novembro.

Unha novidade con respecto a edicións anteriores é o encargo da redacción do manifesto institucional a persoas especialmente involucradas na loita contra a violencia machista e na defensa dos dereitos das mulleres. Desta vez será a Asociación de Profesionais dos CIM (Asocim). Será lido por unha representante no pleno ordinario do 20 de novembro. Ese mesmo día despregarase unha lona nalgún edificio emblemático da cidade. 

Agárdase poder completar a programación cunha intervencións no espazo público que sirva de lembranza permanente da data

O sábado 25 de novembro, o Concello sumarase ás concentracións convocadas polos colectivos feministas, tanto á das 12.00 horas da Marcha Mundial das Mulleres como á das 18.00 horas do Colectivo Feminista. A maiores programación dúas actividades por conta propia, ambas a desenvolver no antigo convento de Santa Clara: ás 13.00 horas, un faladoiro da xornalista Susana Pedreira coa cantante e compositora Zahara e, ás 17.00 horas, un concerto da cantante libanesa Nadine Khouri. Como o resto das actividades, o acceso a estas propostas será carácter gratuíto ata completar cabida. 

O 26 de novembro celebrarase a Andaina Violeta da Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo), que este ano se desenvolverá en colaboración co Concello de Poio e partirá da localidade veciña. 

O 29 de novembro será cando se entreguen os Premios Ernestina Otero, que distinguen trasballos escolares arredor da igualdade. No acto haberá un contacontos de Cris de Caldas.

Finalmente, a programación inclúe tamén un obradoiro de autodefensa dirixido a mulleres. Será o 16 de decembro na Casa Azul e as inscricións poden realizarse en apuntate.pontevedra.gal. Impartirao o instrutor da Policía Nacional Manuel Herbón.