Máis de 300 estudantes estranxeiros internacionalizan a UVigo

Italia é o principal país de orixe e hai o dobre de mulleres que de homes
A UVigo deu a benvida aos estudantes internacionais. DUVI
photo_camera A UVigo deu a benvida aos estudantes internacionais. DUVI

A Universidade de Vigo é neste curso máis internacional que o pasado, ao acadar no primeiro cuadrimestre a cifra de 324 estudantes estranxeiros, fronte aos 277 do curso anterior e logo do brusco descenso experimentado no número de estudantes entrantes nos últimos anos por mor da pandemia.

"A cifra é bastante positiva porque aínda que rematou a pandemia estamos nun escenario bastante incerto", manifestou a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo. "Ademais do coronavirus está a situación económica, os alugueres nalgunhas cidades están absolutamente disparados, a incerteza da guerra en Ucraína... Non é o mellor momento para facer unha estancia, por iso valoramos moi positivamente a progresión", engadiu.

Do total de 324 estudantes estranxeiros que neste primeiro cuadrimestre cursarán os seus estudos nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense, e dos que 47 estarán na UVigo todo o ano, 218 son femininos, 105 masculinos e un, non binario. Por países de orixe Italia volve situarse á cabeza con 66 estudantes, seguido de Alemaña con 50, Francia con 33, México con 31, Polonia con 29, Reino Unido con 13 e Brasil con 11. Por programas, o Erasmus+ con 234 é o que máis estudantado foráneo trae á UVigo, mentres que a través de convenios bilaterais chegan este primeiro cuadrimestre 73 alumnos e alumnas.

A relación complétase con dez ISEP, catro Eramus+ prácticas e tres estudantes visitantes estranxeiros.