"Sen o alumnado non sería posible"

O IES Sánchez Cantón vén de ser nomeado centro de referencia delf para a provincia e celebrarao mañá nun acto coa presenza do cónsul francés, no que tamén se conmemorará o décimo aniversario da Sección Bilingüe, pola que xa pasaron 600 alumnos

Vanille, Mar e os estudantes, coa árbore das casiñas e a ilustración de Gabriela Aboy. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Vanille, Mar e os estudantes, coa árbore das casiñas e a ilustración de Gabriela Aboy. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Si hubiera otra profe no nos hubiéramos metido". Así de claro o teñen os alumnos de 1º de Bacharelato do IES Sánchez Cantón que pertencen á Sección Bilingüe, unha modalidade que cumpre dez anos no centro e que consiste en cursar varias materias en francés á parte da propia área lingüística.

Así, o estudantado de 4º da ESO traballa Historia e Educación Física no idioma de Molière e o de 1º de Bacharelato só a segunda. En total son uns 60 rapaces por curso, o que supón arredor de 600 na traxectoria desta modalidade.

Os afagos do alumnado cara a «profe» mencionada, Mar Villaverde, xefa do Departamento de Francés e coordinadora da Sección Bilingüe desde as súas orixes, son mutuos. "Estes dez anos non serían posibles se os alumnos non aguantaran o tirón. Eles son o centro de todo. Temos un alumnado excelente neste instituto".

Villaverde cóntao en presenza da clase de 1º e de Vanille, a lectora de Francés, que lles ensina como elaborar unhas trufas de chocolate. O momento é clave, xa que o IES Sánchez Cantón acaba de ser nomeado centro de referencia DELF (un certificado que expide o Ministerio de Educación Nacional de Francia e que acredita o nivel en lingua francesa de candidatos extranxeiros de países non francófonos) para a provincia de Pontevedra por parte da Embaixada de Francia en España.

Así, mañá celebrarase un acto no paraninfo no que se descubrirá a placa acreditativa. Asistirán a delegada da embaixada para a Cooperación, Caroline Natali, e o cónsul honorario de Vigo, Jean Baptiste Chassin. Así mesmo, o alumnado recibirá os DELF B1 e B2 obtidos na última convocatoria.

Debido á coincidencia co décimo aniversario da Sección Bilingüe o estudantado ten preparado un emotivo acto no que se lembra rá ás promocións anteriores.

Nel participarán ex-alumnos como Alberto Escobar, da primeira promoción, Premio Nacional de Bacharelato no seu día e que acaba de rematar un máster de Dereito en Oxford; e a artista Cora Sayers, que ofrecerá a canción Avec le temps. A clase de Sección Bilin güe de 1º interpretará un baile bretón e non faltará o tradicional tema ‘Sous le ciel de Paris’ ao violín e ao cello.

Ademais dos discursos propios dunha cerimonia deste tipo, un dos momentos máis emotivos será a proxección dun vídeo elaborado polas ex-alumnas do centro Lucía Martínez e Rosalía García, que agora estudan Deseño Industrial no campus de Ferrol.

OS CIMENTOS. "Cando empezamos co Francés en 4º da ESO sempre lles digo aos rapaces que ese curso é a base, para facer os cimentos da casa, o máis importante", explica a docente. Os mozos tomáronlle a palabra e varios deles, da promoción 2015-2016, construíron unha árbore con casiñas de cartón penduradas que simboliza ese crecemento da aprendizaxe. O vídeo de Lucía e Rosalía reflicte ese traballo.

"Nunca está de máis ter un idioma máis. O inglés é fundamental, pero co francés tes máis oportunidades", explica Clara, de 1º de Bacharelato. Toda a clase coincide que estudar Historia en 4º da ESO nunha lingua allea supón un plus de dificultade. "Cando deciden estar na Sección Bilingüe saben moi ben a que aterse. O primeiro día sempre lles digo que aínda están a tempo de arrepentirse", chancea Mar. "Saben que é un esforzo e as familias apoian esta decisión".

Rematado o curso anterior estes alumnos xa lograron o certificado B1 (en abril examinaranse do B2, o nivel avanzado), agás María, que xa aprobou o B2 e que prevé estudar Filoloxía Francesa. "Son todos de Ciencias menos ela, unha campioa, subliña a súa mestra. O ritmo de traballo é "esgotador", tanto para os mestres (ademais de Villaverde, están implicados Xan Álvarez, de Historia, e o especialista de Educación Física, que cambia cada curso). "A Sección empezou con dificultades e cada ano parece un milagre".

Comentarios