36 quilómetros de fío para tecer historias

O Pazo da Cultura vístese estes días de conto para recibir o XIX Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebrará entre o 6 e o 29 de abril

Un detalle dunha das montaxes do Salón do Libro, no Pazo da Cultura. DAVID FREIRE
photo_camera Un detalle dunha das montaxes do Salón do Libro, no Pazo da Cultura. DAVID FREIRE

Con máis de 36 quilómetros de fío técese unha nova edición do Salón do Libro. Este é só un dos materiais que emprega a asociación Paspallás, encargada da ambientación do Pazo da Cultura, para vestir o edificio de conto. "El hilo es un elemento relacionado con la acción de tejer, una actividad que tradicionalmente estaba vinculada a las mujeres, que son las protagonistas de este año. Además, la literatura tiene también relación con ese proceso artesano de unir palabras para crear una narrativa", conta o arquitecto Román Corbato, que traballou tamén no deseño do Pazo para a ocasión.

Catro salas para contacontos, unha biblioteca, varios espazos adicados a México (o país convidado), traballos de máis de 7.000 escolares colaboradores co encontro e varias exposicións vencelladas co tema deste ano: Mulleres de Conto. Para homenaxealas, nas paredes do Pazo, aparecen retratadas as imaxes dalgunhas figuras importantes no que se refire á lectura. Está a bibliotecaria, a narradora, a libreira ou a editora e mesmo a mestra, "esa persoa que transmite o coñecemento e o amor pola lectura", explican as integrantes de Paspallás.

Un equipo de once persoas traballou no último mes na ambientación do Pazo da Cultura

A asociación pontevedresa, xunto ao arquitecto Román Corbato e Itziar Ezquieta, encargouse de "domesticar" e facer máis acolledor un espazo moi amplo, con teitos de máis de tres metros, para crear ocos íntimos que animen á lectura construidos con estruturas de madeira recubertas de fíos.

México ten tamén un especial protagonismo ao ser o país convidado nesta edición. Haberá unha sala chamada 68 Voces na que se reproducirán contos nas distintas linguas orixinarias do país norteamericano e outra na que non falta o retrato de Frida Khalo, as caveiras catrinas e mesmo botellas de tequila pintadas nas paredes.

As mulleres, México e María Victoria Moreno serán protagonistas nesta edición do encontro

LETRAS GALEGAS. Outra das protagonistas desta edición do Salón do Libro é María Victoria Moreno, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. A escritora pontevedresa terá un espazo adicado a ela que acollerá contos. Do mesmo xeito, algúns dos traballos realizados polos escolares que colaboran co Salón fan referencia á autora que centra as celebracións do vindeiro 17 de maio.

Outra das salas destinadas a contar contos reproduce a idea do cartel gañador do concurso para o Salón do Libro organizado por Galix (os carteis finalistas tamén se expoñen no Salón). As mulleres que representou Ana Villegas están reflectidas na sala Historias de Mulleres, un conto visual nas paredes dun dos espazos.

Nos traballos de ambientación traballaron durante o último mes once persoas, que estarán ata despois de Semana Santa ultimando os detalles para a celebración do XIX Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Porén, o deseño da ambientación comezou moito antes, alá polo mes de xaneiro.

Comentarios