O 44% das candidaturas xa aprobadas polo PSOE están encabezadas por mulleres

A comisión executiva provincial aprobou onte as listas para as municipais, con case un 40% de renovación dos aspirantes ás Alcaldías

Reunión da comisión executiva provincial do PSOE celebrada en Pontevedra. DP - David Regades
photo_camera Reunión da comisión executiva provincial do PSOE celebrada este domingo en Pontevedra. DP

A comisión executiva provincial do PSOE aprobou este domingo nunha xuntanza en Pontevedra o 100% das candidaturas socialistas para os vindeiros comicios municipais nos concellos de máis de 20.000 habitantes e o 95% no resto dos municipios. Segundo destacou o secretario xeral provincial, David Regades, as listas destacan "pola importante incorporación de mulleres nos postos de saída e por un alta porcentaxe de renovación nunhas candidaturas paritarias".

O dirixente provincial sinalou que, das candidaturas aprobadas ata o momento, 25 están encabezadas por mulleres, o 44% do total. "Se a este dato lle engadimos que a porcentaxe de mulleres é aínda maior, un 63%, nas candidaturas que se presentan a estes comicios por vez primera, é evidente que as e os socialistas poñemos en práctica as políticas de paridade nas que cremos", sinalou Regades, quen destacou a necesidade de que cada vez un maior número de mulleres ocupen postos de responsabilidade. "Somos conscientes do papel relevante que están chamadas a asumir as mulleres na sociedade actual", afirmou.

A comisión executiva celebrada o domingo serviu así para anunciar oficialmente 56 candidaturas en total, a maioría de carácter paritario e moitas delas formadas con listas cremalleira. Ademais, 22 delas están encabezadas por 14 candidatas e oito candidatos que se presentan por primeira vez a uns comicións electorais, o que supón case un 40% de porcentaxe de renovación nas candidaturas presentadas.

Comentarios