Tras un difícil proceso selección no que se valoraron as 149 candidaturas de novas empresas galegas e estatais, o comité organizador da Pont-Up Store fixo pública o xoves a lista definitiva de participantes. Nesta sétima edición do encontro, liderado polo Campus Crea, vanse presentar os emprendementos dun total de 46 empresas que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas.
O director do evento, o profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing Pedro Figueroa, valora moi positivamente estes resultados de inscrición, cos que, a pesar da recesión económica provocada pola pandemia e de contar con dez días menos de prazo, conseguiuse igualar practicamente o número de empresas que optaban a participar no evento de referencia do novo emprendemento no noroeste peninsular.
Deste xeito, Pontevedra converterse, entre o 17 e o 19 de setembro, no referente do novo emprendemento cun programa que se desenvolverá en formato híbrido, combinando actividades online con presentacións ao vivo desde a carpa que se situará na Praza de España e outras localizacións da cidade. En total van participar nesta sétima edición 36 empresas con stand, dez empresas que desenvolverán actividades demostrativas, e outras oito no talent business Pont-Up Exprés, onde poderán explicar as súas ideas de negocio a representantes de importantes empresas.
Esta sétima edición do encontro combinará actividades online con presentacións ao vivo
Pont-Up Store conta co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante os últimos seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais.
PARTICIPANTES. O encontro volve rexistrar unha participación multisectorial con moita diversidade nas tipoloxías participantes e gran presenza de emprendementos innovadores e creativos. A gastronomía é a actividade arredor da que xiran A Factoría do Lume (elaboración artesá de salsas e produtos picantes), Bilurico Ready to Drink Tea (tés ecolóxicos), Minsterio Brewing (cervexa independente), Trigo Limpio (fariña elaborada con técnicas tradicionais) ou Tappear Drinks & Tapas (unha app con información de interese sobre bares).
Tamén haberá varias propostas arredor da moda, outras que pertencen ao eido artístico e varios exemplos que abogan pola sustentabilidade. Ademáis, haberá emprendores no ámbito dos servizos e outros que centran a súa actividade no rural galego.