50 anos bailando a muiñeira

Unha ducia de agrupacións participan este venres no Día da Muiñeira, que organiza Duos Pontes e que chega ao medio século de existencia ► "Dende o ano 1970 só fallou en tres ocasións"

O encargado de redactar e ler o primeiro pregón do Día da Muiñeira en Pontevedra, no ano 1970, foi Xosé Filgueira Valverde. É un dos detalles que inclúe a exposición que este venres (e durante 15 días) quedará instalada na Praza de Ourense. Composta por preto dun cento de imaxes repasa a historia dun evento que naceu vinculado ao folclore, da man da Sección Femenina da Falanxe durante o franquismo, para acabar transformándose nun acto de reivindicación da difusión da música e do baile tradicionais entre os máis novos.

"Efectivamente foi o apartado de coros de danzas da Sección Femenina de Pontevedra o que creou a festa en 1970", explica o actual presidente de Duos Pontes, Alfonso Frieiro Novoa. "Ese grupo de xente facía un labor de recollida daquela maneira, dun xeito moi diferente ao que se fai hoxe, pero que naquel intre algo era". Tras a chegada da democracia, no ano 1982, é cando nace a asociación cultural Duos Pontes. "Compóñena antigos membros daquela sección de coros e danzas. A partir dese momento recolle o testemuño do Día da Muiñeira".

Segundo os datos que manexa a asociación organizadora, a festa só deixou de facerse en tres ocasións. "As dúas máis recentes foron os anos 2020 e 2021, a causa da pandemia. Anteriormente, no ano 1988, non se fixo porque parece que houbo un problema de financiamento".

Segundo conta Alfonso Frieiro, a evolución da festa é considerable e aprézase só con ver as fotos. "Naquel inicio do que falabamos o que había era unha intención homoxeneizadora do folclore. Co paso dos anos, nas agrupacións foise impoñendo unha recollida digamos que máis científica, e iso derivou nunha maior riqueza e diversidade á hora de reproducir vestimenta e bailes".

Cinco mil participantes

As agrupacións de baile tradicional de escolas e asociacións son as protagonistas do Día da Muiñeira dende o seu inicio. "Claro que iso tamén foi mudando. A mediados dos anos 80 case non había un colexio que non tivese o seu propio grupo de baile tradicional. Cando aínda se facía a festa no que hoxe é o Recinto Feiral, chegamos a reunir a 4.000 e 5.000 participantes". Hoxe é moi diferente. "Antes da pandemia viñamos xuntando 20 grupos e unha media de 1.000 persoas. Este ano seremos unha ducia de grupos e unhas 325 persoas. O golpe foi duro, pero o importante é que siga facéndose".

O carácter do Día da Muiñeira é hoxe ademais absolutamente interxeracional. "Así é. Este ano participarán dende cativiños e cativiñas de menos de 3 anos da escola infantil Bambi ata mulleres de Cangas con máis de 80. A unha delas, de feito, renderémoslle unha pequena homenaxe".

Da Praza do Teucro ata Montero Ríos
A celebración do Día da Muiñeira comezará na Praza do Teucro. Alí se reunirán os grupos participantes para, a partir das 19.30 horas, partir en desfile polas rúas de Pontevedra ata a avenida de Montero Ríos. Alí, ao pé da Alameda, é onde terá lugar a festa en si, que comezará ás 20.00 horas. Os primeiros en bailar serán os menores de 8 anos. A súa será a Muiñeira de Mariñán. Despois será a vez do grupo de idade comprendido entre os 8 e os 13 anos. Tocaralles bailar a Muiñeira de Fozara. Por último, os maiores de 13 anos, bailarán a Muiñeira de Santa María. Ao remate, todo o mundo é convidado a sumarse a bailar unha jota e un pasodobre.

Comentarios