O 58% do alumnado da UVigo sufriu acoso por Instagram pero só un 17% denunciou

O reitor e a presidenta da Deputación alertan no taller 'Hackeando o patriarcado' dunha onda "antifeminista e negacionista" en redes sociais
Carmela Silva, Manuel Reigosa e Águeda Gómez nun intre da xornada. DUVI
photo_camera Carmela Silva, Manuel Reigosa e Águeda Gómez nun intre da xornada. DUVI

O 58% do estudantado da Universidade de Vigo sufriu acoso algunha vez a través da rede social Instagram, pero apenas o 17% denunciou. Estas son algunhas das conclusións dunha investigación presentada no marco da cuarta edición do workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado, que impulsa a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo e que se celebrou onte no edificio Redeiras.

Segundo informa o Duvi, a investigación destaca que a maioría das vítimas son mulleres, que experimentaron as consecuencias da violencia machista a través das accións de homes que actuaban sos (no 51% dos casos) ou en grupo. O informe tamén destaca que o 47% recibiu imaxes sexuais non desexadas. Porén, a reacción máis común á misoxinia dixital é ignorala (no 53% das situacións), en lugar de denunciala (17%) ou enfrontala (8%). Os autores deste estudo son o profesor da UVigo Xabier Martínez Rolán, as profesoras da Universidade da Coruña María Teresa Piñeiro Otero e Laura Castro-Souto e as profesoras e o profesor da Complutense de Madrid G. Padilla-Castillo, Almudena Barrientos-Báez e David Caldevilla.

Esta é unha das catro investigacións que se presentaron no transcurso deste workshop e que se desenvolveron ao abeiro da Cátedra de Feminismo 4.0 que impulsan a Deputación e a UVigo. Ademais de avanzar os resultados destes estudos, houbo conferencias e mesas redondas nas que interviron expertas dos ámbitos do xénero, a socioloxía ou a antropoloxía social e cultural, entre outros eidos.

O lema deste ano é Novos aparatos ideolóxicos: o patriarcado de vixilancia e centrouse en reflexionar sobre as novas estratexias ideolóxicas patriarcais para perpetuarse a través da misoxinia dixital organizada, o que se coñece como manosfera, machoesfera ou manhood, que está a actuar como un novo aparato ideolóxico do patriarcado.

Os encargados de inaugurar esta cuarta edición de Hackeando o patriarcado foron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que puxeron en valor o papel da Cátedra de Feminismos 4.0 impulsada por ambas institucións para promover a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información.

Reigosa recoñeceuse como unha persoa "máis optimista que realista", porque "eu pensaba que coa racionalidade e o respecto chegaría para construír unha sociedade máis xusta e feminista, pero o monstro ten moitas cabezas, algunhas visibles, pero outras escondidas nas redes e nos discursos de odio", o que obriga a "seguir loitando e pelexando cada día para conseguir esa sociedade máis xusta".

Silva alertou de que estes ataques se realizan de xeito organizado e tratan de xerar un pensamento machista que chegue "especialmente á mocidade". Amosouse "seriamente preocupada" e destacou que son as administracións públicas as que deben "establecer normas, instrumentos e medios para facer fronte ao que acontece nas redes sociais", porque de igual xeito que existen normas para que no "mundo tradicional da comunicación non se poida atacar desta forma terrible ás mulleres", cómpre poñer en marcha mecanismos para que isto tampouco suceda na contorna dixital.

Así mesmo, alertou do que pode suceder en Twitter nesta nova etapa con Elon Musk á cabeza, "que aparte de ter un pensamento fascista, vai sobre todo contra as mulleres" e a plataforma corre o risco de converterse nun espazo "antidemocrático, porque todo o que ataca á metade do mundo é antidemocrático".

Comentarios