Diante das eivas do sistema educativo para introducir a educación afectivo-sexual en todas as etapas do ensino, centros como o IES A Xunqueira I de Pontevedra foron pioneiros en abordalas entre os e as adolescentes desde hai anos.
Desde o comezo deste segundo milenio, no IES A Xunqueira I estivo presente na actividade académica e na vida cotiá do centro a preocupación por unha educación en igualdade, por levar ás aulas a coeducación e por ter unha perspectiva de xénero no ideario do instituto. No curso 2002-2003 foi seleccionado, xunto con outro centro de A Coruña, para realizar unha experiencia piloto organizada polo Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia, baixo o título Prevención da violencia de xénero na poboación adolescente, na que, ao longo de todo o curso, alumnado, profesorado e familias recibiron unha formación de calidade neste eido.
Un 20,8% do alumnado afirma ter presenciado abusos e un 19,5% di que non sabe onde acudir ante as dúbidas neste eido
A partir dese momento a comunidade educativa do instituto non parou de involucrarse en todos aqueles programas que desde a Consellería de Educación ou o Servizo Galego de Igualdade facían fincapé nunha educación igualitaria e sen estereotipos como o Plan VALORA, QUÉROTE+ ou o Plan PROA, entre outros. Toda esta actividade foi merecedora dun dos Premios Irene. La paz empieza en casa, concedido polo Ministerio de Educación en 2011 a aqueles centros destacados polo seu labor a prol da igualdade de homes e mulleres.
O pasado ano, a través dunha enquisa anónima e voluntaria, máis de 450 mozos de entre 13 e 20 anos do IES A Xunqueira I responderon a 61 cuestións relacionadas cos seus coñecementos e prácticas sexuais. O uroandrólogo Manuel Varela e o xefe de Medicina Preventiva do Sergas en Pontevedra Javier Paz, coa colaboración da Sociedade Galega de Sexoloxía SoGaSex, foron os responsables desta pescuda.
Un 11,6% de mozos non rexeitan abertamente a violencia de xénero e só un 2,8% das mozas pensan do mesmo xeito
Hai uns meses presentouse publicamente este interesante traballo no mesmo centro diante do equipo directivo, o orientador e representantes do profesorado e familias. Á presentación, fora convidado o profesorado doutros centros e a cidadanía en xeral mediante os medios de comunicación locais, que axiña se fixeran eco do estudo e resaltaran a súa importancia, pero este convite non foi recibido co interese esperado polos autores do estudo, así como polas persoas colaboradoras nel, membros de SoGaSex, entre as que me inclúo.

Daquela, para unha cidadanía desmobilizada nesta temática semella non ter relevancia que os resultados do traballo de referencia sexan unha chamada de atención para a comunidade educativa, a Administración e sociedade en xeral, co agravante de que, nalgúns casos, son máis preocupantes que os obtidos hai agora doce anos noutra enquisa semellante realizada neste mesmo centro.
Entre as conclusións máis salientables, podemos comentar que desde 2009 até agora duplicouse a porcentaxe de mozas e mozos que recorren a Internet para informarse sobre sexualidade, pasamos do 30,8% ao 64,7%, co risco que isto supón porque remata sendo a pornografía a súa escola para as relacións amorosas. De feito, a partir dos 12 anos consomen este material de xeito habitual observándose unha gran diferenza entre eles e elas, xa que os mozos duplican a consulta de material pornográfico verbo das mozas, 74,6% e 39,3%, e din que o fan para mellorar as súas relacións sexuais.

A mocidade busca en Internet a información e a formación que os ámbitos escolar e familiar deberían proporcionarlles, pero que non o fan tal e como manifestan nas súas respostas onde a familia vai detrás das amizades, Internet e RRSS e a valoración que teñen neste aspecto do centro educativo é preocupante. Só un 22,5% considera que é boa ou suficiente, fronte a un 80% de hai doce anos, e un 78% opina que a información procedente do centro de ensino é nula ou insuficiente.
Un 13,9% de mozas responden que a primeira relación coital foi sen o seu consentimento e un 13,8% recoñecen ter sufrido algún tipo de abuso sexual. Ademais, un 20,8% do alumnado afirma ter presenciado eses abusos e a pregunta de se reaccionaron xorde, porque máis adiante un 19,5% di non saber onde acudir ante dúbidas e problemas neste eido.
Atopamos nas respostas un rexeitamento maioritario á violencia de xénero, certo; porén, un 11,6% de mozos non a teñen en consideración e un 2,8% das mozas tampouco, fronte un 2,4% deles e un 0,6% delas na investigación anterior.

Transcorreron doce anos e nalgúns aspectos a nosa mocidade está en peor situación de risco e vulnerabilidade, ademais de non gozar, en moitos casos, dunha sexualidade plena, saudable e satisfactoria para ambas partes. Pola contra, é máis libre declarando a súa identidade, sexa a homosexualidade, un 8,8% ou o binarismo, un 15,6%; tamén atopamos unha maior liberdade e desenvolvemento da sexualidade feminina cando o 63,2% das mozas recoñecen masturbarse habitualmente e o 97% considera boa esta forma de procurar pracer.
Para rematar, case un 90% manifesta a conveniencia de incluír a educación afectivo- sexual no currículo de todas as etapas educativas, desde Infantil até a Universidade.
Un estudo e uns datos tan reais e actuais que deberían facernos reflexionar como docentes, como familia e como cidadanía en xeral.
Lola Varela é antiga profesora e directora do IES A Xunqueira I