Un 8-M de concentracións, manifestos e música

O acto institucional da Subdelegación do Goberno abre este venres, na capital da provincia, unha intensa xornada que inclúe convocatorias da Deputación Provincial, dos sindicatos e dos colectivos feministas ► A proxección da película
O corno e a entrega do Premio UGT 8 de marzo protagonizan a véspera da conmemoración
Proxección no Teatro Principal da película 'O corno'. RAFA FARIÑA
photo_camera Proxección no Teatro Principal da película 'O corno'. RAFA FARIÑA

Con actos dos colectivos feministas, dos sindicatos, da Subdelegación do Goberno e da Deputación, Pontevedra conmemorará este venres o 8 de marzo (8-M), Día Internacional da Muller. Concentracións, manifestos e música protagonizan a maioría das convocatorias.

A primeira delas (10.30 horas) é a da Subdelegación do Goberno, onde se encargarán de dar lectura ao manifesto institucional estudantes do IES Sánchez Cantón. Tamén pola mañá (11.00 horas) está previsto que se celebren tanto o acto institucional da Deputación Provincial, que incluirá a lectura dun manifesto por parte da presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia, Susana Pérez, e unha actuación de Fillas de Cassandra, como a manifestación que ten convocada a CIG dende a Praza do Hospital (11.30). Xa pola tarde (20.00 horas) terá lugar a concentración central da xornada, na Praza de España, convocada por colectivos feministas e sindicatos. A maiores, programacións como as do Salón do Libro, de Noites Abertas ou do Museo de Pontevedra tamén se sumarán á conmemoración do 8-M.

Xa na véspera da data, este xoves, houbo diferentes actos en Pontevedra co gallo do Día da Muller. O sindicato UGT entregoulle o seu Premio 8 de Marzo a Montse Lamas, traballadora do sector funerario (Albia Servizos Funerarios). O Concello programou un cinefórum no Teatro Principal. Proxectouse a película O corno, gañadora da Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián. No coloquio participaron a especialista en historia do cine Elena García Román e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías. A maiores, a Deputación impartiu unha formación en igualdade na Escola de Enfermería e Xiana Iglesias reivindicou a figura das leiteiras dentro do ciclo Aquí faltan páxinas.

Na comarca de Pontevedra os concellos inclináronse por homenaxes a veciñas (Poio, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior e Vilaboa, onde aínda non se desvelou a homenaxeada) e pola lectura de manifestos (Vilaboa e A Lama). En Soutomaior estrearase un premio institucional chamado María das mil flores, que dará inicio coa colocación dunha placa conmemorativa. Será pola mañá e pola tarde (20.00 h.) haberá un concerto de Caamaño&Ameixeiras. En Barro a exacróbata da Panorama Reyna realizará unha exhibición animada pola música de Mala Pécora.

Manifestos, homenaxes e chocolatadas en O Salnés

Con iniciativas que van dende a tradicional lectura de manifestos (Sanxenxo, Vilagarcía, Meaño, etc) e as habituais homenaxes (Vilanova) ata chocolatadas (O Grove). Así conmemora a data a comarca do Salnés. En Cambados (12.00 horas) despregarase un tapiz feito a ganchillo polo IES Cabanillas en colaboración cos centros de Corvillón e Vilariño. En A Illa (19.30 horas) inaugurarase o cambio de nome dos Xardíns de Goday, que dende hoxe pasan a ser Xardín das Traballadoras da Conserva. E en Meis repartiranse, ao longo de toda a mañá, pegatinas cunha frase de Virginia Woolf.

Comentarios