sábado. 10.04.2021 |
El tiempo
sábado. 10.04.2021
El tiempo

Un 8M semiconfinado pero cheo de "feminismo para cambiar o mundo"

Presentación das actividades do 8M. GONZALO GARCÍA
Presentación das actividades do 8M. GONZALO GARCÍA
O Concello presenta a súa programación para a conmemoración do Día da Muller

Conferencias online, un manifesto, a realización dun graffiti ou o despregue dunha pancarta son algunhas das actividades previstas polo Concello para a celebración do próximo 8M, que se conmemora nunha situación excepcional debido ás restricións impostas pola pandemia. Malia todo, a concelleira de Igualdade expresou onte a necesidade dun 8M cheo de "feminismo para cambiar o mundo", tal e como anuncia o lema do Concello.

"Neste ano de restricións sanitarias, quero agradecer expresamente aos colectivos feministas a súa loita e a enorme responsabilidade que tiveron fronte aos ataques indiscriminados que as mulleres estamos a sofrer por parte do fascismo e a ultradereita". Así de contundente se amosou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, durante a presentación das actividades. Tal e como expresou a edil socialista, a campaña deste ano fai fincapé "na necesidade de algo tan esencial como rachar os teitos de cristal", xa que "esta pandemia amosou unha vez máis que as mulleres seguimos estando a cargo dos coidados".
 

Os actos do 8M darán comezo o venres, 5 de marzo, coa lectura dun manifesto e a presentación dunha Campaña Gráfica Conmemorativa na Sala de Prensa do Principal. A encargada de redactar e ler o manifesto será a xornalista Susana Pedreira, mentres que a presentación da Campaña Gráfica estará en mans da ilustradora e deseñadora galega Maru Astray. A artista seguiu unha liña de imaxe potente, reivindicativa e chocante, cunha estética xuvenil. A continuación, nesta mesma xornada, despregarase unha lona co lema no balcón da Casa Consistorial.

Os mércores 10 e 17 de marzo celebraranse, en colaboración coa Uned de Pontevedra, uns Faladoiros Literarios Feministas. A primeira mesa redonda estará moderada pola xornalista Ana López e terá como protagonistas a Luz Darriba e Iria Vázquez Silva, que presentarán os libros Abril e Cómplices. A Violencia Machista Institucional. O faladoiro do 17 de marzo terá como moderadora á xornalista Sara Vila e como convidadas a Eva Mejuto e Elisabeth Oliveira, que falarán sobre os seus libros A Lavandeira de San Simón e Libros e Vivas.

O xoves 11 de marzo realizarase nun muro da rúa Castelao unha adaptación libre do cartel do 8M a cargo da artista urbana Sax, unha das máis representativas do graffiti en Galicia. Maru Astray amosouse "moi contenta de poder facer o cartel da campaña e utilizar a ilustración e o deseño gráfico para reivindicar o feminismo".

No ámbito escolar, realizaranse diversos obradoiros nos centros educativos do concello, que darán comezo o 15 de marzo e finalizarán ao longo dos meses de abril e maio.

Por outra banda, a edil do PSOE avanzou que, no marco do programa do 8M, nos vindeiros días tamén se presentará a iniciativa Mulleres da Vila, na que a artista Patricia Maquieira logrou implicar nunha proposta audiovisual e fotográfica ás responsables de diversos negocios de Pontevedra.

Un 8M semiconfinado pero cheo de "feminismo para cambiar o mundo"
Comentarios
ç