85 anos despois da execución de Bóveda

A presentación oficial do colectivo Mocidade Galega pola Memoria iniciou en Pontevedra as actividades arredor do Día da Galiza Mártir, que teñen neste martes a súa xornada central ► Este ano inclúen un concerto de Antonio Zambujo na Praza da Ferrería

Homenaje a Alexandre Bóveda en Poio. DAVID FREIRE
photo_camera Homenaxe ante o monumento na honra de Alexandre Bóveda. DAVID FREIRE

O 17 de agosto de 1936, Alexandre Bóveda, un dos intelectuais galegos máis relevantes da Segunda República, foi executado na Caeira polos golpistas. Este martes, no 85º aniversario do fusilamento, Pontevedra celebra o Día da Galiza Mártir e partidos políticos, colectivos pola memoria e a familia de Bóveda volven reclamar a institucionalización da data na honra do persoeiro e de todos os galegos que foron represaliados durante o franquismo.

"A Fundación Alexandre Bóveda congratúlase de cantos actos se celebran en distintos puntos de Galiza, animando a que a sociedade reivindique o Día da Galiza Mártir como un día de lembranza sobre a represión do franquismo e sobre a loita polos dereitos humanos que a defensa da memoria significa", indica a organización que leva o nome do galeguista.

O acto central celebrouse á unha da tarde deste martes ao pé do monumento instalado na Caeira, coa participación da Fundación Alexandre Bóveda, o Concello de Poio, o de Pontevedra e a Fundación Castelao.

Ademais, este ano o Concello de Pontevedra anunciou que se celebrará un concerto para conmemorar a data. Será ás 21.00 horas na Ferrería, e correrá a cargo do artista portugués António Zambujo (acceso de balde, coas habituais medidas anticovid).

PARTIDOS. A maiores, dous partidos políticos programaron actos en Pontevedra. Anova realizou unha ofrenda floral na tumba de San Amaro, coa asistencia do voceiro nacional da formación, Antón Sánchez, e o histórico líder nacionalista de esquerdas Xosé Manuel Beiras.

Por outra banda, trala suspensión do ano pasado, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) recupera a homenaxe a Bóveda que viña realizando na Praza de Curros Enríquez (20.30 horas). Participarán a responsable comarcal de Galiza Nova, Marta Gómez; o deputado no Parlamento Galego, Luís Bará, e a voceira nacional do BNG, Ana Pontón.

AVENIDA DE SANTA MARIA _ao pe da estatua de Castelao__ presentacion do proxecto Mocidade Galega pola Memoria_ Con Diego Bara_ Pablo Abelleira e Andrea Ferrer_ Tamen familias represaliadas_

[ Carlos Acuña, Pablo Abelleira, Diego Bará, Andrea Ferrer e Antela. ]

Antes de todo isto, Pontevedra xa comezou a celebrar o Día da Galiza Mártir. Porque este luns, véspera do aniversario do fusilamento de Bóveda, foi escollida a propósito polo novo colectivo Mocidade Galega pola Memoria para presentarse oficialmente. Diego Bará, Pablo Abelleira e Andrea Ferrer son os fundadores desta plataforma que se presentou na Avenida de Santa María, a carón da estatua de Castelao, nun acto que incluíu unha pequena homenaxe a dous mozos familiares de represaliados: Antela Morgade, bisneta de Isolina Villaverde, e Carlos Acuña, bisneto de Eligio Rey.

Mencionando o nome de mozos e mozas represaliados en 1936, facendo especial fincapé en Rosario Hernández A Calesa, viguesa de 20 anos torturada e asasinada por falanxistas, deu comezo o acto de onte da man de Diego Bará, que leu un relato inspirado na figura da moza, "hoxe un símbolo". "Mais é tempo de retorno para o seu nome. É tempo de memoria e de xustiza", rematou. "Este texto forma parte do libro Non deas a esquecemento, que escribiu Luís Bará, o meu pai, a quen tamén lle debo estar hoxe aquí", sinalou o mozo en referencia ao seu proxenitor, deputado autonómico do BNG e activista pola memoria.

"Collemos as bandeiras da Calesa con orgullo. Nunca máis impunidade". Pablo Abelleira falou da intención de Mocidade Galega pola Memoria de ir medrando. "Seremos constantes na procura da verdade, da xustiza e da reparación", dixo, ao tempo que sinalou que aspiraban a ver como todos os crimes do franquismo se xulgan. Tamén explicou que asumían o compromiso de enfrontar a loita dende tres perspectivas: galega, de clase e de xénero.

O acto rematou coa intervención de Andrea Ferrer, que comentou algúns dos proxectos inmediatos do colectivo. Entre eles, o de traballar na investigación, "para saber máis, para sabelo todo". Segundo dixo a moza, "é necesario que os máis novos teñan coñecemento de todo o que aconteceu neste país". Segundo dixo, "a falsa Transición cumpriu o seu obxectivo: non se fala do acontecido". Neste sentido contou que un dos primeiros obxectivos de Mocidade Galega pola Memoria é traballar en centros escolares. "Nós temos un compromiso coa verdade".

Axenda escollida ► Ofrendas florais na Caeira e en San Amaro 
Distintas institucións, colectivos e partidos celebran este martes en Pontevedra actos co gallo do Día da Galiza Mártir. 

Fundación Bóveda 
Ás 13.00 horas, acto institucional no monumento a Bóveda da Caeira, no que tamén participan o Concello de Poio, o de Pontevedra e a Fundación Castelao. Ás 18.00 horas, misa na capela de San Amaro. E ás 19.00 horas, ofrenda floral no sepulcro de Bóveda. 

Anova 
Ás 13.30 horas, ofrenda floral no sepulcro de Bóveda no cemiterio de San Amaro. Participarán Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras. 

BNG 
Ás 20.30 horas, na Praza de Curros Enríquez, acto político coa participación de Marta Gómez, Luís Bará e Ana Pontón. 

Concello de Pontevedra 
Ás 21.30 horas, na Praza da Ferrería, concerto do artista portugués António Zambujo. Entrada de balde.

Comentarios