"Hai unha verdadeira revolución cultural e maiormente ten nome de muller"

A Deputación entrega os III Premios á Xuventude a 17 mozas e 12 mozos da provincia 
Carmela Silva cos mozos galardoados nos III Premios á Xuventude. RAFA FARIÑA
photo_camera Carmela Silva cos mozos galardoados nos III Premios á Xuventude. RAFA FARIÑA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu este xoves a gala dos terceiros Premios Provinciais á Xuventude, presentada pola escritora galega Silvia Pena. No acto, que encheu de mocidade o salón de plenos do Pazo provincial, Silva –vestida cun modelo de Miriam Cartagena, alumna de ESDEMGA– quixo deixar patente o seu optimismo polos proxectos galardonados "cheos de valores, de principios, que mostran esperanza e ilusión".

"Son optimista, estou segura de que imos cambiar o mundo", apuntou a presidenta do ente provincial, que lamentou no momento actual a sociedade comece "a ter tintes totalitarios, con xente cavernícola, doutra época, xenófoba, machista, que non entende que o que queremos é construír un mundo mellor".

Silva destacou "o talento que hai na provincia de Pontevedra", tal e como demostraron as 17 mozas e os 12 mozos premiados. "Está a acontecer algo extraordinario, hai unha verdadeira revolución cultural e, maiormente, ten nome de muller. Estou encantada de que sexa así", asegurou. 

Silva dedicou unhas palabras a Nee Barros, autor dun dos vídeos que se proxectaron na gala, ao que lle pediu que se "multiplicase". "Precisamos unha sociedade onde a xente moza e diversa rache cun mundo que non respecta o noso planeta. Está nas vosas mans e estades a facelo con valentía, coa alegría da mocidade. Non deixedes que ninguén apague esas ganas e forma de intentar cambiar o mundo", destacou a presidenta.

Tamén se detivo en Miriam Cartagena, a alumna de ESDEMGA que deseñou o modelo que Carmela Silva luciu durante a gala. "Trátase dun modelo espectacular deseñado por una nova deseñadora, e é totalmente sustentable, feito de xeito artesanal e a man", apuntou.

Pola súa banda a presentadora, Silva Pena, que clausurou a gala recitando un dos seus poemas, enxalzou a importancia dos Premios da Xuventude da Deputación para impulsar "o interior das cabezas da mocidade, o talento, a creatividade, o traballo pero tamén o compromiso dos máis novos" . Neste eido, este ano, a principal novidade dos galardóns, elaborados pola Escola de Cantería da institución provincial, foi a inclusión dunha modalidade nova, a de deseño e moda. 

GALARDOADOS
Polo miúdo, na categoría de Iniciativa social o primeiro premio foi para ArteCalavera S.C. (Pontevedra), gran triunfadora da tarde con catro galardóns, polo seu proxecto Voces Ocultas, nado da necesidade de romper co prefixo 'dis'. Nesta modalidade o segundo premio foi concedido ex aequo á Asociación 85C (Vigo) e á Asociación Xuvenil Lazoiro (Salvaterra do Miño).

En Iniciativa Empresarial o primeiro premio foi para ArteCalavera S.C. (Pontevedra) polo proxecto Estudio Bonobo, fundada coa motivación de buscar unha alternativa formativa no campo das artes e da creatividade, co obxectivo de crear proxectos de carácter social que contribúan ao desenvolvemento cultural e persoal da cidade de Pontevedra e arredores.

Na modalidade de Educación en Valores gañou o alumnado de 1º e 4º da ESO do IES Illa de Ons (Bueu) polo proxecto Miserábeis, centro interdisciplinar a partir do teatro musical como procedemento para educar en igualdade e nas competencias clave de carácter intelectual e socio-emocional.

Pola súa banda, en Contido Dixital, o primeiro premio quedou deserto por decisión do xurado e o segundo foi para ArteCalavera S.C. (Pontevedra) polo proxecto Bonobo Live Sessions.

En canto a Traballo Musical, na modalidade de música clásica, o primeiro premio foi para Nuria Casa Suárez (Pontevedra) por Suite Neo Clasique 1: Prelude e o segundo para Sara Mínguez (Vigo) por El Jardín Flotante: Preludio, La Creación. Pola súa parte, na modalidade adiada a outros xéneros musicais o primeiro premio foi para ArteCalavera S.C. (Pontevedra) por A Miña Maneira e o segundo para Héctor Rodríguez, Ángela Álvarez, Sara Ariadna Álvarez, Jairo Daponte e Diego Maya (Moaña, Cangas, Mos e Tomiño) por Fantasy World, e para Carlos Morales (Mos) por Disorder 4: Empty.

En Traballo literario, o primeiro premio foi para Brais Suárez González (Vigo) por Murmansk, viaje al final del día, e o segundo para María José Argibay (Ponte Caldelas) por Eu quería fregar. En poesía, o primeiro Rebeca López Vilar (Vigo) por Antracita en los Pómulos e o segundo para Belén Viéitez Ferradáns (Moraña) por Ourizo.

En Fotografía a categoría tamén estaba dividida en dous subgrupos, serie fotográfica e fotografía. A serie fotográfica gañadora foi a presentada por Claudia Gómez (Pontevedra), co título Os ollos da rúa, e o segundo premio é para Iago Manoel Souto (Ponte Caldelas) por A realidade paralela e para Helena Constela Lorenzo (Poio) por Estelas. En canto á fotografía o primeiro premio é para Rosa Pardal Aragunde (Valga) por Habitación Nº E, e o segundo é para a dobre premiada Helena Constela, nesta ocasión por Hora de Xantar

Por último, en Deseño e Moda o primeiro premio foi para Ángel López Pérez (Marín) por Los Mensajeros, cunha mensaxe esperanzadora respecto á tecnoloxía.

 

Comentarios