"A festa xa comeza cos ensaios"

O Concello e Maravallada organizan a segunda edición de 'Supercantos', unha quedada para cantar masivamente nas prazas cuxos preparativos iniciaranse a vindeira semana

Manolo Espiño, Carme Da Silva e Luis Torres, no Concello. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Manolo Espiño, Carme Da Silva e Luis Torres, no Concello. OLGA FERNÁNDEZ

Nin sequera é preciso saber cantar. Para participar nos Supercantos abonda coas ganas. A quedada masiva nas prazas de Pontevedra para entoar pezas da tradición oral galega comeza a xermolar tras unha exitosa primeira edición. A iniciativa culminará o vindeiro 10 de agosto pola noite, xusto antes do inicio das Festas da Peregrina, cando se espera que máis dun milleiro de pontevedreses se concentre en diversas prazas da cidade para cantar 20 temas do cancioneiro popular galego.

Pero os preparativos para a quedada do verán comezan xa con ensaios en distintos locais da cidade a partir do vindeiro 4 de abril e cunha sesión cada mes ata agosto. "Non hai que pensar que son ensaios aburridos para pasalo ben un só día, a festa xa comeza cos ensaios", explicaba este mércores o integrante de Maravallada, Luis Torres, que presentou no Concello a iniciativa acompañado da edil de Festas, Carme Da Silva, e do tamén membro da asociación Manolo Espiño.

NOUTROS LUGARES. Sobre a iniciativa, os organizadores indicaron que se trata dun proxecto que se leva a cabo noutros lugares de Galicia, como en Vilaxoán, que conta co encontro Vilaxoán canta. Pero onde este tipo de eventos teñen máis popularidade é no País Vasco, onde se reúnen milleiros de persoas nas rúas para cantar música tradicional.

No caso de Pontevedra, os Supercantos atraeron a un milleiro de persoas o día da festa e a unhas 300 que participaron nos ensaios. E é que para unirse e cantar o día da quedada masiva non é preciso ter acudido aos ensaios. O evento enmárcase na iniciativa Aquí Cántase, que busca recuperar a cultura do canto de taberna fronte á decadencia que provocou a prohibición de cantar en público durante os anos do Franquismo. "A nosa finalidade é promocionar a música tradicional na súa variable cantada, aínda que na actualidade estea máis de moda a instrumental", explicou este mércores o integrante do grupo Maravallada Manolo Espiño.

Do mesmo xeito, a concelleira de Festas, Carme Da Silva, animou aos pontevedreses a participar no evento ao longo destes meses, xa que "serve para coñecer a outras veciñas e veciños", e deixou aberta a posibilidade de celebrar outra macroquedada para cantar noutro momento do ano. "É unha mágoa que despois de cinco meses de ensaios só se cante un día en público", explicou.

Os ensaios: en Campañó, O Gorgullón e Salcedo

Os ensaios levaranse a cabo en diferentes centros culturais da cidade e as súas parroquias. Así, serán tres as localizacións escollidas nesta edición: o Centro Cultural de Campañó, o do Gorgullón e o de Salcedo. Ao longo de cinco meses, os participantes coordinarán aspectos técnicos aínda que, como explican os organizadores, "o obxectivo non é facer unha coral perfecta".

Campañó
No Centro Social de Campañó os ensaios terán lugar os días 4 de abril, 9 de maio, 6 de xuño e 4 de xullo.

O Gorgullón
Os que escollan o centro do Gorgullón para os ensaios terán cita os días 9 de abril, 7 de maio, 11 de xuño e 9 de xullo.

Salcedo
Na Casa Verde de Salcedo os ensaios serán os días 18 de abril, 16 de maio, 20 de xuño e 18 de xullo.

Participación
A participación nos ensaios é de balde pero é preciso realizar unha inscrición previa chamando ao número de teléfono 986 80 43 00 (extensión 7107) ou a través da páxina web www.pontevedra.gal/supercantos.