A Liga Concello de Pontevedra de Petanca arranca o día 9 con 14 equipos

A competición, con dúas escuadras máis que na edición anterior, desenvolverase ata o 4 de xuño
Presentación da liga de petanca. DP
photo_camera Presentación da liga de petanca. DP

A elite da petanca pontevedresa prepárase para regresar á competición co inicio da Liga Concello de Pontevedra 2021-2022, que se porá en marcha o sábado 9 de outubro coa participación de 14 equipos, dous máis dos que se inscribiron na edición anterior.

O evento, que incorpora as escuadras do CP Areales, SCD Marcón e CP O Burgo —a de Santa María causou baixa ao fusionarse con O Pote—, desenvolverase na rede municipal de 17 pistas de petanca ata o 4 de xuño. Ademais deses clubs, tomarán parte na competición O Mirador de Monte Porreiro, Amigos de Campolongo, Santo André de Xeve, Centro Social Pontevedra, O Pote e O Carballo de Mourente, O Salgueiral de Bora, Verducido, Salcedo Norte, San Martiño de Salcedo e Petanca Marín.

A Liga de Petanca foi presentada este luns nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra, José Gallego; o seu secretario, Ángel Mario Lago, e os seus delegados José Manuel Dopazo e Bernardo Dios.

O Concello prevé que ás 17 pistas actuais se sumen outra nove entre finais deste ano e principios de 2022

Tino Fernández salientou o feito de que a liga pasou "de 9 a 14 equipos en tan só tres anos", algo que cre que pon de manifesto a "paixón" que esperta este deporte na zona e o seu "imparable crecemento en xogadores e afección". "Un desenvolvemento que vai en paralelo ao constante incremento da rede de parques dotados de zona de xogo por parte do Concello e que se traducirá na creación de nove novas pistas de petanca entre finais deste ano e principios de 2022", subliñou o edil. Así as cousas, pasarase das 17 actuais a 26.

O regulamento da competición establece que todas as entidades deberán presentar dous equipos que se denominarán A e B, e que estarán formados por tres xogadores e dous suplentes que poderán xogar só na escadra na que se inscribiran.

Os partidos xogaranse os sábados —a primeira volta ás 17.00 horas e a segunda ás 18.00—, aínda que se poderán disputar en días anteriores da mesma semana en caso de acordo mutuo.

Este luns tamén se presentou o calendario de trofeos que se celebrarán en 2022, entre os que se inclúen o Trofeo San Blas (5 de febreiro), o San Xosé (19 de marzo), o Deputación (11 de xuño) e o San Bieito (11 de xullo).

Este é o calendario da liga:

Calendario da liga de petanca

Comentarios