A ‘maré’ chega á cidade

A mozambicana Selma Uamusse, o brasileiro Chico Cesar e a galega Mercedes Peón protagonizan a terceira xornada do festival

Xurxo Souto durante o roteiro guiado nas Ruínas de San Domingos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Xurxo Souto durante o roteiro guiado nas Ruínas de San Domingos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Roteiros na rúa, visitas á obra de Castelao no Museo, presentacións de libros e música. O rebautizado como Festival da Ilusofonía volveu facer acto de presenza nas rúas da cidade durante a xornada de onte, a de máis actividade dentro da programación de Cantos na Maré. 

O día comezou cunha visita comentada á obra de Castelao exposta no Museo de Pontevedra seguida dunha performance a cargo de Ugia Pedreira e Marina Oural chamada 1 faba, 1 vida. Por outra banda, a libraría Paz acolleu a presentación do libro Meu verbo, de Mario Lucio, artista caboverdiano que actuou xa o venres no Teatro Principal. Á súa vez, na Praza de Méndez Núñez celebrouse un magosto tradicional portugués, que tivo que cambiar o seu emprezamento pola chuvia (nun primeiro momento estaba previsto no Mercado de Abastos). Ademais, dentro da programación de Cinemaré, proxectouse o filme María Bethania: Música e Perfume no Sexto Edificio. 

Xa pola tarde, tamén no Sexto Edificio, as persoas que participaron nun roteiro guiado pola cidade a cargo de Xurxo Souto remataron o percorrido coa actuación do resucitado coro Aires da Terra. A formación, que recrea o grupo de música popular creado por Perfecto Feijoo a comezos do século XX, ofreceu a súa derradeira actuación antes de disolver un proxecto que levou aos seus integrantes a recuperar as cancións, a vestimenta e a posta en escena do coro orixinal. 

Concerto de Selma Uamusse. DP

Á noitiña comezaron os concertos no Pazo da Cultura. A deste sábado era a xornada forte do festival e contou coa actuación de artistas galegos, mozambicanos, brasileiros, angolanos e portugueses. Deste xeito, a tarde comezou coa actuación de Os Meninos, un grupo de Vigo coa vista posta na música portuguesa que fusiona estilos diferentes como o fado, o jazz, o flamenco, o tango ou o reggae.

Selma Uamusse, de Mozambique, amosou algunhas das súas pezas de rock, gospel, afrobeat ou jazz no escenario do auditorio antes de que o fixera o brasileiro Chico Cesar, que pisaba Cantos na Maré por terceira vez despois de telo inaugurado e de participar como creador no himno do festival. Os Meninos volveron actuar entre o concerto do músico do Brasil e o de Mercedes Peón, que presentou no festival o seu novo disco, Deixaas. A festa rematou con Throes The Shine, "a sensación do kuduro", segundo os definiu a propia Uxía.