Lunes. 12.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 12.11.2018
El tiempo

"A nosa vitoria foi concienciar á cidadanía"

Primeira marcha contra Ence da APDR en 1994. MIGUEL RIOPA.
Primeira marcha contra Ence da APDR en 1994. MIGUEL RIOPA.

A APDR leva 30 anos loitando na defensa da ría e contra a presenza de Ence na mesma. Pero a súa actividade vai máis alá: "somos moito máis que un colectivo anti Ence", asegura o seu presidente

"Somos a asociación máis recoñecida en Pontevedra. Fomos quen de manter o poder de convocatoria durante 30 anos e iso non é fácil". Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría dende hai 20 anos, defende así a traxectoria dun dos colectivos de protesta máis relevantes da historia de Pontevedra, que acaba de celebrar tres décadas dende a súa fundación. 


Con menos xente nova implicada do que lles gustaría aos fundadores do colectivo e Ence traballando na ría, a asociación saca peito e presume de logros. Non conseguiu pechar a celulosa, pero "a APDR non é un movemento anti Ence, é moito máis que iso", conta Masa. Así, o presidente da entidade conta moitos outros logros máis alá da loita pola recuperación da parte da ría que ocupa a pasteira. "Moita xente di que pasaron 30 anos e que todo segue igual. Pero non é así, non todo está igual", aclara. Así, logros como o peche de Tafisa xunto ao río Lérez, a transformación da cidade nun espazo máis amable e ecolóxico ou a concienciación da cidadanía sobre a importancia da recuperación da ría son tres dos logros que destaca Masa. 


Tafisa xa tiña previsto pechar por motivos económicos, mais a denuncia da APDR polos verquidos foi outro factor que contribuíu ao cese da actividade da empresa. Ademais, Masa asegura que "na asociación loitamos por unha cidade na que o peón tivese prioridade fronte ao coche e se se tomaron as medidas que se tomaron, foi tamén polas nosas protestas", explica. Do mesmo xeito, conta que a concienciación ambiental da cidadanía pontevedresa variou dende a posta en marcha do colectivo. "Ao principio ninguén cría na recuperación da ría e agora hai unha maioría ampla de pontevedreses que defenden que podemos recuperar o espazo para o marisqueo ou o turismo. Esa é para min a gran vitoria da APDR", relata.

Ao principio ninguén cría na recuperación da ría e agora hai unha maioría ampla de pontevedreses que defenden que podemos recuperar o espazo para o marisqueo ou o turismo


Entre os éxitos que enumera Masa durante estes 30 anos de traxectoria está tamén a condea por delicto ecolóxico imposta a Ence en 2002 a raíz dunha denuncia interposta pola Asociación. "Aquela sentencia marca un momento moi importante no que Ence ten que recoñecer que existiu ese delicto e facer un lavado de cara, xa non poden mentir e dicir ‘aquí non pasou nada’", apunta.

Tras 30 anos en activo, o colectivo conta no seu haber con numerosas manifestacións e protestas nas que sacaron á rúa a un gran número de persoas. Dende os primeiros encadeamentos na Ponte do Burgo contra os recheos na ría que incluía o Plan Xeral de Ordenación Urbán (PXOU) de Rivas Fontán en 1987 ata a máis recente coa renovación da concesión a Ence por 60 anos na noite do 1 de febreiro de 2016. Ambas as dúas manifestacións foron históricas para o colectivo, a primeira supuxo o inicio da actividade da APDR e a última unha das convocatorias da entidade que acadou maior resposta social despois de que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy concedese unha prórroga para que Ence seguise operando na río 60 anos máis en 2016. 


Ademais, entre as marchas anuais que a APDR realiza cada primavera ata a factoría de Lourizán, destaca a primeira edición do dito itinerario, que se celebrou en 1994 e "a prensa falou duns 10.000 asistentes", tal e como explica Antón Masa. 


Mais non todas as protestas xiraron arredor de Ence. A APDR pode presumir de ter coordinado o traballo de máis de tres milleiros de voluntarios que durante a catástrofe do Prestige limparon as costas galegas. Ademais, o colectivo tense manifestado por moitos outros motivos e, na súa orixe, xurdiu contra o PXOU de Rivas Fontán xa mencionado. "Aquel plan falaba de facer recheos no Lérez, na actual avenida de Bos Aires, da construción da ponte da autoestrada sobre a ría á altura de Mollavao e da consolidación de Ence na ría de Pontevedra. Nós opoñiámonos a todas esas medidas e por iso decidimos xuntarnos", recorda. 


Así, nun principio, a entidade estaba composta na súa meirande parte por arquitectoe e urbanistas que optaban por un modelo de cidade ecoloxista e respectuosa coas persoas. Entre os seus membros fundadores está o propio César Mosquera, Ana Fernández ou César Portela, ademais do propio Antón Masa. Xunto ao encadeamento na Ponte do Burgo contra os recheos - "pola que 18 dos manifestantes foron a xuízo por cortar o tráfico"-, unha das primeiras protestas foi xunto aos vendedores ambulantes, que tampouco estaban de acordo co PXOU. "A moita xente lle pareceu mal que nos xuntaramos con eles porque consideraban que tiñan menos prestixio ca nós", recorda, irónico, entre risos. 


Pero, ¿quen canalizaba as protestas contra a celulosa antes da chegada da APDR?. Nos anos 60 foron as mulleres mariscadoras as que lideraron as protestas e foron reprimidas a golpe de baioneta polos militares da fragata Hernán Cortés. "Logo houbo protestas puntuais sobre todo polo falecemento de traballadores a causa de escapes de cloro  e que eran convocadas por plataformas puntuais formadas por partidos políticos, asociacións culturais e sindicatos", explica. A nivel ambiental, quen máis se mobilizou foi Adega, ademais da Asociación de Licenciados en Bioloxía de España (ALBE). 
Agora, 30 anos despois, un dos principais motores que moven a asociación segue a ser o mesmo que o da súa fundación. "Queremos recuperar a ría comopraia urbana de Pontevedra e banco marisqueiro, así como a fábrica de salgadura romana que está debaixo de Ence. Aínda se poden recuperar eses terreos para a xente, nunca para especular", remata Masa.

"A nosa vitoria foi concienciar á cidadanía"
Comentarios