"A risco de ser polémico, eu retiraríalle a rúa a Xosé Filgueira Valverde"

Ernesto Vázquez Rey, que prepara a súa tese doutoral sobre a aplicación da Ley de Memoria Histórica, considera preciso establecer as bases para a revisión dos vestixios do Franquismo

Cruz al soldado caído, en Montero Ríos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Cruz al soldado caído, en Montero Ríos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Todas as persoas que ocuparon cargos públicos durante a ditadura son colaboracionistas co réxime? Ninguén se puxo nunca a sentar as bases obxectivas de ata onde podemos revisar ou non, e iso é o que intento facer eu". Ernesto Vázquez-Rey é partidario de que se faga un estudo pormenarizado para establecer un protocolo que aclare como actuar á hora de desfacerse de vestixios do Franquismo. Así, cre que deben establecer unhas pautas xerais de actuación neste sentido e aplaude que personaxes como Fernández Ladreda foran xa retirados do rueiro pontevedrés (neste caso, en favor de María Vitoria Moreno).

A polémica sobre a retirada do nome da rúa a Javier Puig foi un exemplo da ausencia dun procedemento axeitado para determinar a revisión, segundo explica Vázquez-Rey. "O mesmo ocorre con Filgueira Valverde. Se partimos de que a ditadura é un réxime ilexítimo, non podemos recoñecer que a xente que pasou polos seus gobernos foi boa. A risco de ser polémico, eu retiraríalle a rúa a Filgueira Valverde", explica. "Quizais homenaxeamos a Filgueira Valverde como profesor e non como alcalde franquista, pero con esta excepción podemos homenaxear a calquera outro e non se deben facer estas desviacións", explica.

"Ramón y Cajal, por exemplo,  foi condecorado polo Franquismo cun marquesado por feitos que tiñan que ver coa súa investigación científica, pero non deixa de ser un recoñecemento da ditadura e por iso debería ser eliminado sen prexuízo de que agora, nun réxime democrático, consideremos que é merecedor deste título e se lle volva conceder", argumenta referíndose a que a individualización fai que se xeneren polémicas como a de Javier Puig.

Vestixios do Franquismo en Pontevedra
En Pontevedra quedan aínda restos do Franquismo en símbolos pendurados de edificios. Vázquez-Rey sinala tamén a Cruz dos Caídos do final da Avenida Montero Ríos. 

Foi construída en 1941 cando Falange Española solicitou un terreo para homenaxear aos caídos do bando nacional. En 1985 desmontouse a cruz para construír o parking da Alameda e, ao rematar, volveuse montar e creouse un conxunto escultórico para darlle outro nome e significado.

Dende entón chámase ‘Cruz al soldado’. "Actualmente o monumento non se podería eliminar integramente, porque a Ley de Memoria HIstórica protexería o conxunto escultórico. Pero a cruz si debería quitarse". 
- O colexio Salvador Moreno, situado na rúa Rosalía de Castro, aínda leva o nome dun militar que participou no golpe de Estado de 1936. Depende do Ministerio de Defensa. 

- Na rúa Michelena, un edificio ten pendurado outro símbiolo falanxista. É un edificio privado pero Vázquez-Rey defende que o Concello ten competencia para regular elementos patrimoniais cando as fachadas dan á vía pública.

- A Audiencia Provincial de Pontevedra ten aínda un escudo falanxista nas portas. É competencia do Ministerio de Xustiza retiralo.

Comentarios