ENTREVISTA

"A sanidade pública é un territorio hostil para abortar"

Dunha vivencia persoal que a expuxo á idea da maternidade xorde o novo libro de Diana López Varela, que retrata os medos, dúbidas e presións dunha xeración de mulleres que viven enfrontadas ao coñecido como 'reloxo biolóxico'. A autora presenta a tarde deste xoves a obra 'Maternofobia' na librería Cronopios (19.30 horas)

Diana López Varela, escritora e guionista. RAFA FARIÑA
photo_camera Diana López Varela, escritora e guionista. RAFA FARIÑA

A segunda obra da autora Diana López Varela explora un dos ámbitos máis íntimos da vida das mulleres, a maternidade, que non está libre de xuízos, presións sociais nin de culpas.

O libro parte dunha experiencia vital dura como é a interrupción dun embarazo, especialmente todo polo proceso polo que hai que pasar. O aborto non é tan accesible como se pensa?
Creo que realmente non o é. A proba fundamental é que a meirande parte das interrupcións voluntarias de embarazos (IVE) se producen finalmente na sanidade privada, cun certo hermetismo. A patronal destas clínicas recoñece que entre un 80 e un 90% das IVEs que se realizan teñen lugar nas súas clínicas, segundo eles, en moitos casos derivadas do sistema público. Pero eu e moitas mulleres coma min que tratamos de buscar datos sobre este tema somos incapaces de atopar a cifra que indique que parte das mulleres que abortan en clínicas privadas están derivadas e financiadas pola sanidade pública. Ademais, de todas as mulleres que coñezo que levaron a cabo unha IVE, non sei de ningunha que conseguise facelo pola sanidade pública. En certo modo, este é un incumprimento da propia lei.

Cal é a principal razón pola que as mulleres se decantan polas clínicas privadas?
Eu creo que hai unha parte de mulleres que van á privada para non pasar pola vergoña de ter que ir ao médico de cabeceira e que non queden rexistros. Ademais, na sanidade pública hai falta de empatía e perspectiva de xénero no trato a mulleres que están pasando por un momento de especial vulnerabilidade. Moitas veces incúmprese o propio protocolo do Sergas, que fala de dous días de agarda entre que ti manifestas que queres interromper o teu embarazo ata que se practica a interrupción. Non sei se isto se fai polas longas listas de agarda ou para aumentar a presión sobre a muller. A sanidade publica é un territorio hostil para abortar.

Mercado laboral
"Sorpréndeme que protesten pola suba do salario mínimo cando as principais beneficiarias somos as mulleres"

Das súas dúbidas e das presións que recibe ao enfrontarse á maternidade xorde este libro, Maternofobia. Existe tamén nos homes a paternofobia?
Estamos falando dalgo completamente diferente. Hai homes que dubidan da paternidade, pero non é comparable coa situación que vivimos ás mulleres. Nós, desde que cruzamos a fronteira dos 30, temos un tema que nos machaca e é o do reloxo biolóxico. Temos un contador que a sociedade pon a funcionar cando chegamos aos 30. Parece que con cada menstruación se vai un pouco da nosa fertilidade. Non temos tempo para a dúbida porque a nosa bioloxía nos impón outros tempos. Aínda que está claro que retrasar a maternidade non favorece a nosa fertilidade, nais de máis de 35 ou 40 anos hóuboas sempre de forma natural. As causas de infertilidade non só se deben á idade da nai, a metade dos casos de infertilidade son por problemas dos varóns. Pero é certo que o reloxo biolóxico nos marca ás mulleres, e iso pode verse nas conversas que temos a partir dos 30 anos, o moito que nos preocupa a nós o asunto e o pouco que lles preocupa a eles.

A culpa é un elemento moi importante. Ademais da culpa das mulleres que interrompen o embarazo voluntariamente, existe tamén a das mulleres que queren selo e non o consiguen?
A culpa leva funcionando como ferramenta de control da vontade das mulleres dende hai séculos.  É certo que isto non só afecta ás que non queren ter fillos, senón a todas. A escritora e pintora Paula Bonet falou dos seus abortos espontáneos hai uns anos e ten fixado en Twitter un tuit no que conta que durante unha viaxe de traballo lle preguntan de que vai o libro, ela contesta que de perdas xestacionais involuntarias e o interlocutor lle contesta: «porque as mulleres non vos coidades e entón perdédelo». Se deixas pasar ata os 35 anos polas túas condicións económicas ou laborais, e non só iso, senón tamén porque non tes parella, parece que es tamén culpable de que algo vaia mal. A maternidade non é algo individual, ao igual que o aborto, é algo que nos está afectando a toda unha xeración de mulleres. Por moi libres e feministas que sexamos, cada decisión que tomas e que afecta a algo tan íntimo como a maternidade vai sempre asociado a unha culpa moi difícil de sacarnos de enriba. Incluso as mulleres que foron nais moi cedo son tamén xulgadas por iso.

A sociedade exerce esa presión sobre as mulleres para ser nais é consciente das dificultades para ter unha vida laboral estable que permita a crianza?
Non o deben de ter moi claro, alomenos certos grupos políticos, cando cren que a baixada de natalidade está vencellada co aborto. A min sorpréndeme que protesten pola suba do salario mínimo, cando as principais beneficiarias somos as mulleres, porque os nosos traballos son os máis precarios e con peores convenios. Eu pregúntome se se decatan realmente das nosas dificultades económicas ou se o que se pretende é que sexamos dependentes económicamente para sempre. Francia, por exemplo, é o país de Europa coa natalidade máis alta e é onde as mulleres máis poden conciliar porque hai unha rede de garderías moi potente e as mulleres cobran moito máis que en España. O paradigmático é que en España as mulleres con maior proxección laboral son as que menos fillos teñen, ao contrario que en Francia. Aquí a maternidade penalízase. Segundo un estudo, en España ser nai divide entre seis as posibilidades de ser promocionada no teu posto de traballo.

A mística maternal
"Preocúpame a mística maternal da volta ás orixes porque nos quere recluír no fogar e acabar co Estado do benestar"

Cando se fala de conciliación adoita asociarse ás mulleres con fillos. Que ocorre cos demais traballadores?
Para min este é un grande erro. Que os principais sindicatos estean gobernados por homes é un problema. Todos temos que conciliar, homes e mulleres, e que as políticas de conciliación se fagan exclusivamente pensando nas mulleres nais provoca que devaluemos as súas carreiras, reducíndoas á mínima expresión e converténdoas nun complemento da carreira dos homes. Isto fai que cada vez as mulleres coticen menos, cobren menos e, cando teñen que decidir se traballar ou quedar na casa, escollan a segunda opción, porque sen unha rede de garderías públicas e con salarios precarios, non compensa. As mulleres temos que pelexar especialmente por isto, por iso eu son defensora dos sindicatos femininos, como o das kellys, ao que poño sempre como exemplo. Temos que entrar no mundo sindical porque pola nosa condición de segundo sexo, cheguemos a ser nais ou non, temos moitas papeletas de que chegado un punto da nosa vida nos toque coidar, xa sexa aos nosos nenos ou aos nosos maiores. Ademais, se queremos homes implicados coa paternidade, teñen que conciliar. Para iso é fundamental un permiso de paternidade obrigatorio e intransferible.

Que opina das polémicas xeradas por mulleres que se incorporan ao traballo antes de finalizar o permiso de maternidade, como o recente caso dunha presentadora dos informativos de Telecinco ou o da ex vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría?
Algo parecido fai Begoña Villacís. Eu estou de acordo con que as mulleres poidan seguir coas súas carreiras profesionais, pero estas cousas son algo confusas e poden crear certa frustración no resto das mulleres. Non sei con que axudas contan estas mulleres, pero seguro que son moitas, ao igual que Soraya Sáenz de Santamaría ou Irene Montero e Pablo Iglesias. Ao final, comparar os casos de mulleres que son poderosas con mulleres que o teñen complicado para chegar á hora ao colexio é complicado. Se a muller se quere incorporar ao traballo paréceme moi ben, o problema é que moitas non se poden permitir esa volta. Non todas teñen a posibilidade de escoller.

Tense falado de legalizar os ventres de aluguer en España. Onde se deberían poñer os límites ao desexo de ter fillos?
Nos dereitos dos demais. Non temos dereito a explotar a sexualidade ou o ventre das mulleres polos nosos desexos. Non podemos atentar contra a integridade física e mental de mulleres máis pobres que nós. No fondo, esta é unha cuestión de clase social. O único que conseguimos legalizando o aluguer de ventres é que un grupo de persoas ricas poidan explotar a dignidade doutras persoas. As mulleres embarazadas saben que é un proceso duro e inesquecible. É un espanto que neste século esteamos tratando ás mulleres deste xeito. Esta é unha fronteira ética que as mulleres do primeiro mundo non debemos traspasar. Nós sufrimos a explotación propia do machismo dos nosos países e non podemos ir a lugares onde as mulleres están peor ca nós para ser as explotadoras delas. Vai contra o feminismo.

Fala no seu libro da mística da maternidade. Ata que punto esta é unha arma de dobre fío que devolve ás mulleres ao fogar e aos coidados?
É unha arma de dobre fío ata o punto de que os partidos de esquerda e dereita pensan parecido sobre isto. Cando Pablo Casado di cousas semellantes a Pablo Iglesias tremo. Este asunto, o das posibilidades das mulleres de criar infinitamente, esa mística maternal da volta ás orixes, preocúpame. Penso que forma parte dun sistema neoliberal, no contexto do derrumbe do Estado do benestar que, sen darnos conta, nos está quitando servizos públicos. Isto require que as mulleres volvarmos a casa para criar gratis, como as nosas nais e avoas. Ademais, hai unhas taxas de paro enormes, entre as mulleres aínda máis, e competimos irremebiablemente cos homes. Estes discursos están destinados a sacarnos do medio agora que demostramos que somos igual de válidas ca eles, que estamos nas universidades e competimos de verdade no mercado laboral. Que volvamos ás casas afórralle aos estados o custo dos servizos públicos e permite que os poucos postos de traballo que hai sexan ocupados polos homes. Isto explicouno moi ben Simone de Beauvoir en A mística da feminidade nos anos 60 e estamos nas mesmas. Este discurso preocúpame porque o ten a dereita e a esquerda e, ademais, moitas veces intégrase no propio feminismo.