Alumnas do IES Sánchez Cantón reclaman a educación como ferramenta clave para avanzar en igualdade

Nove estudantes de 2º da ESO len o manifesto da Subdelegación do Goberno. Abel Losada chama ás institucións a traballar "unidas" e á sociedade "a plantar cara ante calquera intento de regresión do feminismo durante o acto institucional do 8-M"
Alumnas do IES Sánchez Canton. JAVIER CERVERA
photo_camera Alumnas do IES Sánchez Canton. JAVIER CERVERA

Día desapacible co ceo ameazando chuvia e un runrún de fondo en toda a cidade neste 8-M que convidaba a celebración e a reivindicación. 

Os actos do Día Internacional da Muller botaron a andar en Pontevedra na Subdelegación do Goberno, cun acto institucional que contou con representantes dos distintos grupos, das distintas institucións e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Unha xornada de reivindicación da igualdade da que foron protagonistas un grupo de nove alumnas do IES Sánchez Cantón, coordinadas pola súa profesora Conchi Díaz, encargadas de poñer voz ao manifesto do 8-M.

Tala, Cristina, Greta, Carlota, Ánxela, Manuela, Marta e Paula, estudantes de 2º curso da ESO, leron alternativamente fragmentos do manifesto en galego e castelán dun texto que puxo o acento en cuestións como a educación a protección dos dereitos de todas as mulleres ou a loita contra a violencia machista. "Nin nada nin ninguén pode impedir que España se consolide como un país feminista dando pasos firmes para que a igualdade de xénero sexa a pedra angular da sociedade", salientaron.

As estudantes subliñaron os "pasos firmes" dados por este país a prol dunha sociedade máis igualitaria, pero tamén sinalaron que "é día de reclamar que é preciso seguir coa loita contra as desigualdades" e fixeron fincapé na loita contra a violencia.

As alumnas reivindicaron a importancia da Educación como ferramenta clave para avanzar en igualdade “e debilitar as masculinidades hexemónicas” e corroboraron o compromiso do instituto Sánchez Cantón e da Subdelegación do Goberno para seguir avanzando "na axenda dunha España, dunha Galicia e dunha Pontevedra feministas; dunha España, dunha Galicia e dunha Pontevedra mellores".

Tamén destacaron a importancia de "seguir avanzando en políticas públicas feministas". "O compromiso ten que seguir para acabar coa violencia machista. Desde o ano 2003, que é cando hai rexistros, foron asasinadas 1.245 mulleres polo feito de selo, cinco de las este ano. A violencia machista cobrouse a vida de 52 persoas menoes de idade e 438 nenos e nenas quedaron orfos", lembraron.  

Con M de Mulleres

Previamente, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, amosou o "orgullo polo papel xogado polo noso país nese avance da loita feminista desde hai xa unha década"  e amosou a intención da institución que representa de sumarse á campaña "Con M de mulleres que inclúe a todas as mulleres". 

Losada puxo en valor algunhas desas medidas políticas, como a suba do Salario Mínimo Interprofesional para combater a fenda salarial. "Aínda que é verdade que vai diminuíndo, non podemos ser autocomplacientes, queda mnove camiño por face". Tamén fixo fincapé na reforma que, subliñou, "consolidou especialmente o traballo das mulleres máis novas". Unha medida da que Abel Losada salientou ademais que ten unha segunda derivada importante que ten que ver co problema a crise demográfica deste país. "Isto só se pode combater con traballos de calidade e políticas sociais importantes". E finalmente salientou o reforzo das pensións que favorece, sinalou, "o empoderamento das mulleres".

Abel Losada falou tamén de "plantar cara" aos "nubarróns" que aparecen nestes tempos. "Creo que este país aposta maioritariamente pola igualdade, pero sabendo que nada está conquerido definitivamente  é importante plantar cara ante calquera intento de regresión da situación das mulleres", sentenciou.

Chamamento á unión

Finalmente, o subdelegado do Goberno fixo un chamamento a colaboración institucional así como coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado de cara a seguir avanzando cara a igualdade real e loitar contra a lacra da violencia de xénero. "É un chamamento á cooperación, tendo ideas diferentes si, pero sabendo q hai muros q non deben traspasarse", concluíu.

Comentarios