A Xunta licita a obra de rehabilitación do IES Valle Inclán de Pontevedra

Trátase da obra de maior importe e envergadura das programadas neste momento pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

Fachada del IES Valle Inclán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada del IES Valle Inclán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta vén de publicar a licitación da ambiciosa obra de rehabilitación integral do instituto IES Valle-Inclán de Pontevedra. Cun importe de 4,7 millóns de euros, esta é a actuación de maior envergadura e máis orzamentos das programadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. O prazo de execución previsto da intervención é de 16 meses.

As principais actuacións do programa de necesidades contemplan a limpeza e illamento térmico das fachadas e o reforzo da estrutura horizontal do edificio. Así mesmo, actualizaranse os elementos de protección fronte ao lume, renovarase a rede horizontal de saneamento e a revisión e reforzo da estrutura horizontal. No caso das cubertas, cambiaranse completamente, incluíndo os canlóns e baixantes, mentres que no caso da carpintería exterior acometerase unha renovación integral, renovando tamén os vidros nas carpinterías de madeira do patio e as instalacións interiores de iluminación.

No que atinxe ao sistema de calefacción, renovaranse as caldeiras e os seus elementos complementarios, incluíndo a nova subministración de enerxía por medio de gas natural, aumentando a dotación de radiadores.

Ademais, implementarase un sistema de xestión centralizada de calefacción, incluíndo termostatos para controlar a demanda nas diferentes zonas do edificio, co obxecto de axustar en todo momento a produción de enerxía térmica á demanda real do edificio.

A maiores, mellorarase o sistema de ventilación e renovarase a subministración de auga fría, quente e evacuación dos aseos.

Esta actuación, que abrangue a rehabilitación enerxética, estrutural e funcional deste instituto histórico, enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica eredundará nun  un aforro de preto do 60% de enerxía no centro.

O instituto Valle-Inclán conta cun edificio con características da arquitectura ecléctica de finais do XIX, incorporando elementos do Art Nouveau. Iniciou a súa construción no ano 1908 e ao longo da súa historia sufriu diferentes obras de reforma e reparación de distinta envergadura, realizándose a última gran intervención no ano 1972.

Comentarios