Abe Rábade volve ao festival de jazz convertido nunha estrela

O concerto de este xoves á noite do pianista compostelán, no que presentou o seu disco 'Doravante', dálle este venres paso ao blues de Walter 'Wolfman' Washington & The Roadmasters

O pianista compostelán Abe Rábade, este xoves, actuando no Festival de Jazz de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera O pianista compostelán Abe Rábade, este xoves, actuando no Festival de Jazz de Pontevedra. DAVID FREIRE

Doravante. O tema que lle dá título ao último disco de Abe Rábade serviulle ao pianista compostelán, este xoves, para abrir o seu concerto no Festival Internacional de Jazz de Pontevedra. "Este traballo ten unha mestura variada de influencias", contou. "Ten música orixinal, como a deste tema, e ten música tradicional do país, como a desta segunda peza, que lle oín cantar hai poucos anos á miña nai e que me engaiolou". E entón tocou O paxaro cando chove, baseado nunha canción tradicional galega, que Rábade arranxou con toques de flamenco.

O pianista compostelán "estivo no festival nos inicios da súa carreira [2001] e hoxe volve convertido nun dos pianistas máis importantes de Europa", dixo na presentación da programación do evento o seu coordinador, José Antonio Ortiz.

En 'Doravante' poden atopar pegadas da música tradicional de Galicia, do jazz máis ortodoxo, do rhythm & blues, da experimentación máis arriscada e da música clásica

Rábade estivo acompañado en Pontevedra, unha cidade á que está vinculado a través do Seminario Permanente de Jazz, polos músicos que conforman a sección rítmica do seu último disco: Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). O pianista presentou xunto a eles Doravante, que editou Karonte e no que se poden atopar pegadas "da música tradicional de Galicia, do jazz máis ortodoxo, do rhythm & blues, da experimentación máis arriscada e da música clásica", en palabras da organización do festival, que o propio artista confirmou durante a súa actuación.

Tralo paso de Abe Rábade, chega este venres o blues ao festival. Subirá ao escenario da Ferrería (22.30 horas, entrada libre) Walter Wolfman Washington, "un clásico absoluto que nos faltaba por ver en Pontevedra", dixo Ortiz no seu día. O guitarrista e vocalista, nacido en 1943 e afincado en Nova Orleáns, estará acompañado pola banda The Roadmasters.

Comentarios