Aberto desde este mércores o primeiro prazo de matrícula no Campus de Pontevedra

As titulacións do Campus de Pontevedra evidencian unha tendencia á alza nas notas de corte respecto do ano pasado, subindo oito delas case nun punto e medio
2020081211592935130
photo_camera O Campus universitario en A Xunqueira. DP

Desde este mércores e até as 23.59 horas de mañá, día 13 de agosto, permanecerá aberto o primeiro prazo de matrícula en titulacións con límite de prazas nas tres universidades do país. Porén, neste prazo inicial só poderá matricularse o alumnado que posúa unha cualificación igual ou superior á da última persoa convocada en cada unha dos graos. Desde o martes, o estudantado pode consultar a súa posición nas listaxes de admitidos e de espera, ben vía internet, mediante o programa NERTA e na web da CiUG, así como chamando ao teléfono de consulta da comisión universitaria ou a calquera dos Lugares de Entrega e Recollida de Documentación (LERDs).

As carreiras máis esixentes continúan a ser o grao en Enfermería, cun 11,69, e o grao en Fisioterapia, cun 11,55

Respecto da cualificación do último estudante convocado, os graos ofrecidos no Campus de Pontevedra evidencian unha tendencia á alza. Así, das once titulacións, oito delas acusan un aumento medio da nota de corte en case un punto e medio respecto do ano pasado, sendo o grao en Belas Artes o que rexistra a maior subida, pasando dun 5,434 a un 8,347 nesta convocatoria ordinaria. Secasí, as notas máis altas das titulacións impartidas na Boa Vila continúan a ser o grao en Enfermaría, cun 11,69, e o grao en Fisioterapia, cun 11,55. A continuación están o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, cun 10,249, e o grao en Comunicación Audiovisual, cun 10,048. Un punto por debaixo atópanse as notas de corte do grao en Educación Primaria, Publicidade e Relacións Públicas e o grao en Educación Infantil, cun 9,788, un 9,340 e un 9,170, respectivamente. A única titulación que se mantén respecto do ano pasado é a de Dirección e Xestión Pública, na súa modalidade semipresencial, que continúa cunha nota de corte dun 5. A modalidade presencial deste grao, xunto con Enxeñaría Forestal, son as dúas únicas titulacións á baixa, malia que menos dun punto, quedando nun 5,186 e 5,204 respectivamente. Dous graos que foron, o ano pasado, os únicos que quedaron con vacantes libres após esgotarse todas as convocatorias. Este ano, o número de prazas ofertadas mantense estábel respecto do ano pasado, volvendo a ser 715. A titulación que conta con máis prazas segue a ser Belas Artes, con 130 vacantes, seguida de Publicidade e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, con 100 vacantes. A continuación, Educación Infantil e Educación Primaria, con 75 prazas, Fisioterapia e Enfermaría, con 50, e Comunicación Audiovisual e Enxeñaría Forestal, con 45. A titulación que menos vacantes ofrece é o grao en Dirección e Xestión Públicas, con 25 prazas na modalidade presencial e 20 na virtual.

O número de prazas ofertadas no Campus de Pontevedra mantense fronte ao ano pasado, cun total de 715 vacantes

A publicación da segunda listaxe de admitidos e a de agarda será o luns 17 de agosto, pasando a ser o período de matriculación do 18 ao 19. O venres 21 publicarase a terceira listaxe de alumnado aceptado, co correspondente prazo de matriculación do 22 ao 25. Un proceso que se repetirá até o 16 de outubro, cando se fará publica a definitiva lista de admitidos e de espera, sendo o derradeiro prazo de matrícula do 17 ao 20 dese mesmo mes. Amais, o 27 de agosto abrirá o prazo extraordinario de modificación de preinscrición para aquel estudantado que non poida matricularse en ningunha das titulacións solicitadas.

O Campus de Pontevedra
Como parte da Universidade de Vigo, o campus pontevedrés vai en paralelo á creación desta, após a súa segregación da Universidade de Santiago de Compostela en 1990, ano no que xa comeza a funcionar a Facultade de Belas Artes. No ano seguinte súmase a Escola de Enxeñaría Técnica en Industrias Forestais, e a Escola Universitaria de Formación de Profesorado de EXB pasa a ofrecer catro novas titulacións. Desde 1992, a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito, conta co seu plan de estudos homologado, e no ano académico seguinte inaugurábase a Facultade de Ciencias Sociais que, xunto coa Escola Universitaria de Fisioterapia, pasaba a completar a oferta docente. Amais, en 1994 finalizou a remodelación do antigo cuartel de San Fernando, ao que se trasladou Belas Artes, e a redacción do proxecto de edificio que albergaría Exeñaría Forestal, amais de comezar a urbanización dos terreos da Xunqueira.

Comentarios