Abre o prazo de achega de propostas para as Noites Abertas da era covid

As actividades deberán poder realizarse en exteriores e en formato dixital, para adaptarse á posible evolución da pandemia
Imaxe dunha das actividades da anterior edición de Noites Abertas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ARQUIVO)
photo_camera Imaxe dunha das actividades da anterior edición de Noites Abertas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ARQUIVO)
O Concello recibe dende onte as propostas de actividades que formarán parte dunha nova edición do programa Noites Abertas, que se mantén en Pontevedra dende hai 22 edicións como alternativa de lecer saudable para mozos e mozas de entre 12 e 30 anos.

Desta vez, a crise sanitaria obriga a modificar parte das bases para participar cunha actividade propia. Deste xeito, tal e como avanzou Alberte Oubiña, concelleiro de Xuventude, as actividades propostas deben poder realizarse tanto de xeito presencial, o aire libre, como a través da web. Con este requisito, o Concello anticípase a posibles medidas que restrinxan as reunións para frenar a expansión do virus.

Como novidade, o próximo ano será preciso realizar inscrición previa para participar nos obradoiros. O que non cambia é o tipo de actividades que se deben propoñer, que terán unha duración de entre unha e dúas horas e, aínda que se poidan realizar varias sesións dun mesmo obradoiro, será preciso que non haxa continuidade para que os asistentes poidan ir a sesións soltas.

A páxina web noitesabertas.gal recibirá as achegas particulares ata o vindeiro 30 de decembro. No mes de xaneiro reunirase a comisión que seleccionará os proxectos. A escolla terá en conta que sexan propostas interesantes para a mocidade, constructivas, lúdicas, participativas e viables online

Alberto Oubiña deu onte algúns dos datos da anterior edición, que tiña un seguimento e asistencia de récord interrompido pola pandemia. Deste xeito, en 2020 presentáronse 152 propostas das que foron seleccionadas 95 para configurar o programa. Por outra parte, ata o momento no que se tivo que suspender Noites Abertas, pasaran polo programa 1.439 persoas, 360 por fin de semana fronte ás 279 da anterior edición, en 2019.

Comentarios