Acción e efecto de fedellar

A actriz Susana Cerviño e a escritora Tamara Andrés crean un grupo de teatro infantil e contacontos "co que rachar os esquemas"
Susana Cerviño (esquerda) e Tamara Andrés caracterizadas como Purpurina e Brillantina
photo_camera Susana Cerviño (esquerda) e Tamara Andrés caracterizadas como Purpurina e Brillantina

Recoñécense fedellas. Así que a Susana Cerviño (Pontevedra, 1981) e Tamara Andrés (Pontevedra, 1992) non lles quedou outra que chamarlle así ao grupo de teatro infantil que montaron xuntas hai algo máis dun ano e que presentaron oficialmente na última edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal.

Cerviño, monitora de tempo libre e actriz afeccionada dende os 18 anos (forma parte de Piollo Teatro), viña dándolle voltas, "dende había tempo", á idea de montar un grupo que traballase propostas dirixidas aos nenos. Pola súa conta creou un personaxe, Purpurina. Cruzouse no seu camiño entón a escritora e actriz Tamara Andrés.


Susana Cerviño
"As particularidades do grupo son, sobre todo, dúas: a interacción co público e o traballo con pezas propias e orixinais
" 

Tamara Andrés
"Inserimos elementos que chaman a atención e que acaban por facer que os espectáculos sexan un pouco tolos
"


"Coñecémonos de maneira casual. Tamara e o seu mozo, Adrián González, preparaban unha webserie, ‘La última piedra’, e puxéronse en contacto con nós para saber se estabamos interesados en participar", conta Cerviño. "A raíz diso naceu unha amizade entre as dúas e Purpurina puido contar dende entón cunha compañeira". Aparece en escena Brillantina. "A lista do grupo", di Andrés. "A min, a verdade, apetecíame moito entrar nun proxecto como este e, sobre todo, achegarme dalgunha maneira á literatura infantil e xuvenil". Nace oficialmente Fedellas (@asfedellas).

"As particularidades deste grupo son fundamentalmente dúas", explica Cerviño. "Por un lado a interacción co público e por outro, o traballo con pezas propias e orixinais". Para Fedellas é importante involucrar a toda a familia nas súas propostas. "O público está incluído sempre na historia", sinala Andrés.

"Rachamos constantemente co que se chama a cuarta parede, o muro que separa o escenario do público. Nos nosos espectáculos os nenos son protagonistas, pero tamén os pais. Cando ten que aparecer un bruxo ou unha meiga sempre hai que recorrer a un pai, a unha nai, a un tío ou quen se terce. O caso é que, se hai espazo, gústanos andar polo medio. En definitiva, trátase de xogar", engade a súa compañeira. Por aí sae tamén o nome do grupo. "Precisamente, porque non paramos quietas", di Cerviño. "Para nós o máis importante é que a xente goce do espectáculo. A nós gústanos actuar, pero o fundamental é que a xente que nos vexa o pase ben".

BOLBORETA ROSETA. Fedellas, ademais, traballa con material propio. "O que facemos é unha especie de contacontos, que ten moito de fábula, porque case sempre hai animais aos que lles pasan unha chea de cousas". Exemplos: ‘A Bolboreta Roseta’ e ‘O Misterio dos Calcetíns’. "Traballar con cativos ten o seu aquel", comenta Andrés.

"Se se aburren, en cinco minutos boicotéanche o contacontos. Non quedan sentandos e calados como os adultos. Obrígante a estar concentrado todo o tempo para telos enganchados, pendentes do que fas", recoñece Tamara Andrés. "Despois, no noso caso, o que máis nos gusta é contar contos que rachen cos esquemas, que non teñan que ver cos contos tradicionais. Inserimos elementos que chaman a atención e acaban por facer que os espectáculos sexan un pouco tolos. Eu creo que esa é outra particularidade de Fedellas, que estamos un pouco tolas".