A acción volve á rúa

Unha ducia de estudantes da materia de Belas Artes Proxectos de Arte de Acción levan as súas performances ao centro de Pontevedra
Unha das accións realizadas polos estudantes de Belas Artes. CARLOS TEJO
photo_camera Unha das accións realizadas polos estudantes de Belas Artes. CARLOS TEJO

"Levar as nosas performances á rúa é como regalar arte. Facelo nun momento cotián tan feo coma este é moi fermoso. Sentímolo case como unha vitoria". O profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Carlos Tejo acompañou, o xoves á mañá, a unha ducia de estudantes da súa materia Proxectos de Arte de Acción a facer intervencións na rúa. "É a resposta que cada ano ten que facer o alumnado a unha proposta da materia, pero recoñezo que nesta ocasión foi máis especial que nunca". 

Unha das accións dos estudantes de Belas Artes. CARLOS TEJOUnha reflexión sobre o paso do tempo e sobre o percorrido que facemos a diario sen reparar nel nin que fique ningunha pegada deses traxectos era o que propoñía unha estudante que tomou unha serie de fotos de persoas camiñando en distintos espazos da cidade para despois imprimilas e pegalas alí onde as tomara. Outro alumno paseou un can de xoguete con máscara enriba dun patinete. Neste caso podía percibirse unha certa ironía sobre a sociedade de consumo e a humanización das mascotas. A incomunicación e o illamento social estaban detrás doutra das performances nas que un mozo falaba cun amigo imaxinario co interpretaba un tema. "En realidade, ao non ter unha temática concreta, as accións foron moi variadas". 

O profesor Carlos Tejo insiste que a volta ás aulas para el foi un agasallo. "O confinamento foi moi duro e poder volver á facultade, unha gozada. É moi bonito ter de novo aos estudantes enfronte", confesa. "Igual que poder levar as accións á rúa. É un ano moi especial para facelo. Os estudantes están moi motivados e a xente recibiu as propostas cun interese e cunha atención especiais. Nótase que todos estamos desexando atoparnos e reconectar".