Achega de 108.000 euros para que asociacións combatan o machismo

A Deputación aproba o investimento para promover "iniciativas pola igualdade"
A Xunta de Goberno da Deputación. DP
photo_camera A Xunta de Goberno da Deputación. DP

Se a pasada semana foi a quenda dos concellos, aos que se destinaron 230.000 euros para a posta en marcha de iniciativas a favor da igualdade e contra as violencias machistas no 2022, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar agora outros 108.000 euros para que asociacións e entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia promovan proxectos e actuacións no mesmo ámbito.

"Nunha semana - remarcou a presidenta da Deputación, Carmela Silva - temos aprobado recursos por valor de 338.000 euros para seguir avanzando e dando pasos cara a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra as violencias machistas".

A liña de axudas. Con esta liña de axudas, as entidades sociais poderán presentar proxectos de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; atención integral a vítimas da violencia machista, fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; actividades para favorecer e fomentar a igualdade entre mulleres e homes; proxectos encamiñados a mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación; e a promoción de campañas de difusión e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade.

As entidades e asociacións sociais sen ánimo de lucro poderán presentar as súas solicitudes dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria destas bases no Boletín Oficial da Provincia.

No 2021, 28 entidades sociais de nove concellos da provincia puideron desenvolver proxectos en materia de igualdade e contra as violencias machistas ao abeiro desta liña de axudas da Deputación de Pontevedra. Este ano agárdase que ese número sexa incluso superior.

Comentarios