Acrílico sobre parede para lembrar eternamente a María Victoria Moreno

O IES Torrente Ballester impulsa as actividades en recordo da docente e escritora homenaxeada polo Día das Letras Galegas

Un grupo de alumnos de 4º de Eso que particiapron na elaboración do novo mural da biblioteca do IES Torrente Ballester. DAVID FREIRE
photo_camera Un grupo de alumnos de 4º de Eso que particiapron na elaboración do novo mural da biblioteca do IES Torrente Ballester. DAVID FREIRE

PONTEVEDRA. Non son Andy Warhol, nin falta que fai. Aínda así, o espírito do artista plástico e cineasta estadounidense está moi presente no IES Gonzalo Torrente Ballester e a súa técnica -neste caso acrílico sobre parede- preside unha das da biblioteca, cunha protagonista de excepción: María Victoria Moreno. Na outra mantense Julio Verne.

A que fora docente deste instituto e que protagoniza a edición das Letras Galegas de 2018 pola súa faceta de escritora, é o fío condutor das actividades que o centro educativo está a desenvolver durante este curso.

Un grupo de 13 alumnos de 4º da ESO, que estudan Educación Plástica e Visual, foi o encargado de elaborar o mural, apoiados polo seu profesor, Manuel Martí. «O mural recolle a figura de María Victoria con alusión a cada unha das súas obras». Este método serviu para que os rapaces «se introduciran na obra da autora, leran algúns dos seus libros e compartiran ideas». O traballo levoulles arredor dunha semana, sempre en horas de clase. «A idea foi tomar o modelo de arte pop de Andy Warhol». A técnica reproduciuse tamén nunha parede situada xunto ao portalón de acceso ao recinto e o proxecto non quedará aí.

Segundo explicou Martí, o vindeiro 31 de xaneiro retomarán o traballo no muro situado do outro lado da cancela. O alumnado pontevedrés contará coa colaboración de estudantes procedentes do IES Castelao de Vigo.

DOCUMENTAL. O director do centro, David Castro, lembrou que durante o primeiro trimestre tiveron unha exposición da obra de María Victoria e prepararon o resto das actividades para os meses seguintes. Así, ademais dos murais, a finais desta semana participarán na gravación dun documental sobre a figura da docente e escritora, no que contarán coa colaboración do xornalista e realizador Gaspar Broullón, que fora alumno do centro e da propia Moreno. «Será un documental de testimonios de excompañeros, exalumnos, familiares, amigos... Personas con las que María Victoria tuvo una relación cercana», explica Castro.

Así mesmo, a comunidade educativa está traballando na maquetación do manuscrito inédito da literata, que de momento non ten título, e que se prevé presentar na apertura do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, o 6 de abril, no que por primeira vez participará un centro de Secundaria. Alumnado do instituto tamén tomou parte nun concurso convocado pola Consellería de Educación para buscar unha serie de carteis, neste caso oito murais, que sirvan como reclamo á celebración das Letras Galegas.

Invitación da Universidad Complutense

O instituto foi invitado a participar na Semana das Letras Galegas que organiza a Universidad Complutense de Madrid para o mes de abril.

Nese foro repasarán todas as actividades que se están levando a cabo no centro e que terán o seu culmen o 4 de abril, nunhas xornadas con presenza institucional e da RAG. Así mesmo, esta semana instalarase no IES unha exposición baseada no libro que a editorial Urco lle dedicou a María Victoria dentro da colección Mulleres bravas. Mentres, alumnado de 1º da ESO está a redactar as misivas que se enviarán ás embaixadas españolas para
solicitar exemplares de El Quijote en diferentes idiomas para completar a lista dos que a escritora legou ao IES.

Comentarios