O Concello de Pontevedra activa o operativo por xeadas

Ponse en marcha cada vez que as temperaturas baixan de 1ºC e atende tanto a zonas urbanas como a viais das parroquias
RAFA FRIO
photo_camera RAFA FRIO

A concellaría de limpeza viaria, xestionada polo edil Raimundo González, vén de activar o operativo por xeadas tanto na urbana así como en puntos das parroquias do rural.

O operativo actívase cada vez que as temperaturas baixan de 1º C, polo que se puxo en marcha a comezos da semana e continuará activo mentres se mateñan as baixas temperaturas. Neste operativo participan 4 operarios da empresa adxudicataria de limpeza, Ferrovial, que se ocupan de esperexer sal tanto en determinadas rúas urbanas, pasarelas, cruzamentos e viais rurais, como de atender ás chamadas da veciñanza que alertan de puntos que presentan algún perigo por xeada, tanto para peóns como para vehículos.

Así, nas noites de onte e antonte esparexeuse sal en zonas céntricas da cidade como a Praza da Ferraría, así como en espazos da contorna próxima ao río como a ponte de Santiago, a pasarela metálica da Avenida Bos Aires, ou as pasarelas de madeira da Illa das Esculturas. Tamén se prestou especial atención a toda a contorna de Beiramar e a puntos como o Centro de Saúde da Parda e a pasarela en Doce de Novembro. No ámbito rural, esparexeuse sal en lugares como Cons, na parroquia de Mourente, ou nos lugares de O Vilar, O Rañadoiro e Acevedo en Ponte Sampaio. Tamén se revisaron cruzamentos de pistas que puidesen presentar problemas por xeada.