"O actual momento cultural non fai máis que emocionarme"

Pasa en Culturgal os tres días que dura a feira. A Xunta é o principal patrocinador do evento e Agadic aproveita para presentar aquí os proxectos que desenvolve.
G
photo_camera Jacobo Sutil. RAFA FARIÑA

Formación e profesionalización son as receitas da Axencia das Industrias Culturais de Galicia (Agadic) para loitar contra o que se considera un dos principais problemas do sector: a precariedade laboral e económica. "A base do noso traballo é o diálogo constante cos principais axentes culturais para poder enfrontar os problemas que se van detectando", di o director do organismo, Jacobo Sutil (Pontevedra, 1973).

A Xunta, como principal patrocinador de Culturgal, volve ter unha presenza destacada na programación da feira.
Como dis, somos un ano máis o principal patrocinador de Culturgal. Apoiamos a organización da feira a todos os niveis, incluíndo a instalación dun stand que acolle actividades propias. Á parte, os distintos directores da Consellería de Cultura imos presentar os proxectos e propostas nos que estamos traballando, como a aceleradora musical SonEmerxente.

Concerto de Leilía no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA
Concerto de Leilía no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA

Que balance fai vostede do ano cultural? O conselleiro Román Rodríguez sinalaba na inauguración da feira que estamos acostumados a recibir premios nacionais de literatura ou galardóns de primeiro nivel no audiovisual, pero que son recoñecementos moi meritorios. Efectivamente. Falando do ámbito audiovisual, a presenza de proxectos galegos nos festivais máis importantes do mundo xa é algo habitual. Na última Berlinale, dos catro proxectos que levou España, tres tiñan factura galega. O ramo púxoo a Cuncha de Ouro en San Sebastián para ‘O corno’. Máis que iso non se pode pedir. Díxeno o outro día en Pontevedra, na presentación do programa Augal, e mantéñoo: estamos no mellor momento da historia do audiovisual galego. Non é que me veña arriba, é que é un feito. Se nos imos ao mundo da música, é obvio que vivimos un momento de efervescencia, que está conseguindo chegar a todo tipo de públicos, nomeadamente aos máis novos, que tan difíciles son de enganchar. Se falamos de escena, é cada vez máis destacada a internacionalización da danza, do circo e do teatro. O ano que vén imos subir un 30% as axudas para a promoción exterior porque se esgotan. Destinabamos a metade do actual orzamento hai uns poucos anos e sobraba. Hoxe non chega. O actual momento cultural que vivimos non fai máis que emocionarme.

Que retos inmediatos enfronta a cultura galega?
A chegada da Intelixencia Artificial, os procesos de dixitalización e a accesibilidade da cultura. Sobre isto último, estamos moi orgullosos da próxima aprobación en Galicia dunha lei da cultura inclusiva e accesible, que non só vai ser pioneira en España senón en Europa.

O escritor Bernardo Atxaga e p crítico Ramón Rozas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O escritor Bernardo Atxaga e p crítico Ramón Rozas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Román Rodríguez volveu demandar o venres un PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) cultural ao Goberno central.
Precisamente porque consideramos a cultura un elemento tractor. A primeira resposta que tivemos foi negativa. Ao novo ministro pedímoslle que o reconsiderara. Aínda non contestou. Pero é que, por exemplo, a achega do Goberno central para o que debe ser a presenza das linguas no ámbito dixital non é nin moito menos suficiente.

20231202_RafaFari_049
Visita de Ana Pontón e presentación de dous libros de Suso de Toro e María Reimondez. RAFA FARIÑA

A pesar dos éxitos, os profesionais do sector da cultura quéixanse da precariedade que se arrastra neste ámbito. Preocúpalle a Agadic? Traballa en solucionalo?
Traballamos na formación e na profesionalización. E apoiámonos no diálogo co sector. Non hai outra fórmula que non sexa o diálogo coas asociacións e cos axentes do ámbito cultural. É imprescindible coñecer mellor os datos económicos para poder actuar. E niso tamén traballamos. Porque o impacto social ou identitario é coñecido, pero o público ten que ser consciente de que neste sector traballa moita xente que ten que comer e que ten hipotecas. Este ecosistema só é sostible se todos o entendemos.

Comentarios