viernes. 17.09.2021 |
El tiempo
viernes. 17.09.2021
El tiempo

Adeus á Abau do coronavirus

Tres estudiantes, a la salida de los exámenes. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Tres estudiantes, a la salida de los exámenes. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A última xornada da selectividade transcorreu sen incidencias  As calificacións daranse a coñecer a partir do xoves 16 de xullo

O xoves finalizaba o período de realización das probas de Abau, cunha última xeira na que tampouco se rexistraron incidencias. Textos de Platón ou Hume e con obras de Goya ou Picasso estiveron entre os temas a desenvolver polos alumnos, que se enfrontaron a unha convocatoria "excepcional" polas circunstancias derivadas da crise sanitaria, pero que "funcionou mellor que nunca", segundo o vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (Ciug) Pedro Armas.

Moitos dos que aínda tiñan optativas pendentes volvían madrugar para os exames de Bioloxía ou Historia da Arte, programados ambos ás 09.00 horas. Após o descanso de media hora, chegaba a quenda das materias de Física, Xeografía ou Cultura Audiovisual. Finalmente, ás 13.00 horas arrincaban os dous últimos exames: Xeoloxía e Historia da Filosofía.

Coa chegada das 14.30, e sen ter que facer uso das horas da tarde reservadas á incidentes non previstos, clausurábase esta edición da selectividade tan peculiar, marcada pola primacía dos contidos impartidos presencialmente como materia avaliábel, a opcionalidade entre as preguntas fronte aos modelos pechados anteriores, a multiplicación das sés, as distancias de seguridade entre alumnos, o hidroxel e as máscaras. Se a propia ABAU constitúe unha desas lembranzas de vida na memoria de todo alumno, as circunstancias que rodearon a deste curso 2019-2020 farán que os máis de 1.600 convocados non a esquezan xamais.

Coas probas xa rematadas, as cualificacións faranse públicas, vía Internet, a partir das 20.00 horas do xoves 16 de xullo. Día no que se lle enviará a cada alumno, e por correo electrónico, a Tarxeta de Cualificación asinada dixitalmente. Para poder recibila é preciso ter rexistrado un correo electrónico válido no Nerta. Quen non o faga poderá solicitar a tarxeta no seu centro de bacharelato.

REVISIÓNS. O prazo de presentación da solicitude de revisión será de tres días hábiles a partir da data de publicación das cualificacións: do 17 até as 14.00 horas do 21 de xullo. Estas poderanse facer mediante a aplicación Nerta, empregando cadanseu código de acceso. O alumnado deberá gardar copia da súa solicitude en calidade de resgardo e xustificación de presentación desta.

Por primeira vez haberá dúas correccións. No proceso analizarase, en primeiro lugar, se houbo algún erro material na corrección do exame, como preguntas sen corrixir ou sumas mal calculadas. De existir, modificarase a cualificación, tanto á alza como á baixa. A continuación, procederase a unha segunda revisión,a mans dun corrector especialista distinto do que efectuou a primeira. Se a discrepancia é maior de dous puntos, un terceiro profesor especialista efectuará unha última corrección.

Adeus á Abau do coronavirus
Comentarios
ç