Adeus ó jazz, chega a maxia

O trío Circus pechou o venres as Noitadas de Jazz na Praza da Ferrería de Pontevedra. Desde este sábado a maxia de Ponteilusión protagonizará as noites da Boa Vila
Sucede CUCA
photo_camera Unha das actuacións no marco do ciclo Noitadas de Jazz. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Logo de cinco Noitadas de Jazz, a Praza da Ferrería muda hoxe de rexistro. Na pasada noite o espectáculo Circus poñía punto e final a unha serie de actuacións musicais nas que o jazz foi protagonista indiscutible e que contou con artistas como Teresa Grandín, Xan Campos Trío, Chemin Jazz Quartet e Curren Location. Finalmente onte os músicos Alberto Vilas, Noli Torres e José Manuel Díaz daban unha boa mostra do jazz que se está a facer en Galicia. A banda, que leva varios anos percorrendo os escenarios galegos co seu son, ofreceu ó público da Boa Vila unha mestura de temas orixinais creados polo trío de artistas e unha longa lista de arranxos exclusivos feitos a cancións de sempre de autores como Silvio Rodríguez, Violeta Parra, Pablo Milanés ou outros grandes compositores de música clásica.

Os espectáculos de maxia, de carácter gratuíto na súa totalidade, poden ser vistos por toda a familia e non se contemplan restricións de idade

Desde este sábado e ata o vindeiro 28 de xullo a protagonista das noites na Praza da Ferrería de Pontevedra será a maxia co programa de actuacións Ponteilusión, que permitirá gozar dun espectáculo diario, ás 22 horas. Os espectáculos, de carácter gratuíto na súa totalidade, poden ser vistos por toda a familia e non se contemplan restricións de idade. Ademais, como en todas as actividades programadas polo Concello, seguirase o protocolo sanitario establecido polas Administracións na procura dunha cultura segura. As actuacións comezan sábado coa maxia de Dani Polo. O mozo mago galego traerá un espectáculo trepidante e áxil, onde todo é posible sobre o escenario. O domingo será a quenda de Pedro Volta, que presenta Ilusionante ,un espectáculo de maxia para toda a familia onde conecta durante 80 minutos cos soños e a fantasía da infancia dos espectadores. Nesta xira incorpóranse novos números espectaculares de escapismo, a súa especialidade. O luns chegará The Magicians (Arkadio e Solange Kadinaly). O martes 27 o Mago Teto presentará Alquimia e, finalmente, o mércores 28 clausurará o ciclo máxico Francois Lafayette. Le Cirque (Mago Cayetano Lledó), que combina maxia e humor. O trío Circus pechou onte as Noitadas de Jazz na Praza da Ferrería de Pontevedra. Desde sábado a maxia de Ponteilusión protagonizará as noites da Boa Vila. Adeus ó jazz, chega a maxia.

Comentarios