"Adiantamos a vacinación citando aos maiores de 80 en hospitais esta fin de semana"

A área sanitaria Pontevedra-O Salnés non descansou en Semana Santa para tratar de cumprir as previsións
Una anciana recibiendo la primera dosis de la vacuna contra el covid. DP
photo_camera Una anciana recibiendo la primera dosis de la vacuna contra el covid. DP

Nunha fin de semana frenética para tratar de avanzar co plan de inmunización, o director de Enfermería da área sanitaria Pontevedra-O Salnés, Alberto Vázquez, explica as previsións para as vindeiras datas, pois tamén é o coordinador de vacinación nesta zona.JUAN ALBERTO VÁZQUEZ VILAR

Estanse cumprindo as previsións da vacinación, anunciadas estes últimos días, entre as persoas maiores de 80 anos, unhas 22.000 na área sanitaria?

Fixemos un avance importante esta fin de semana pero ata o mércores 7 non teremos vacinados a todos os pendentes da primeira dose, os que poidan desprazarse ao centro de saúde. Despois hai un grupo de maiores, pendentes de ser vacinaos na casa, que interamos abordar agora e durante a próxima semana. E están tamén maiores de 80 anos que tomaran a decisión de pospoñer a vacina, polo que esta semana volveremos contactar con eles por se queren retomala. Hai unha parte da poboación maior de 80 que por dúbidas, dificultades de desprazamento o outras circunstancias, aínda non se vacinou, non se puido vacinar ou non quixo facelo. E tamén hai cidadáns cos que non conseguimos contactar.

Que volume de poboación diana poderían supoñer estas persoas?

Entre 200 e 300 persoas.

Hai diferencias significativas en canto ao ritmo de vacinación entre os 14 centros de saúde?

Van bastante acompasados. Depende das decisións dos propios cidadáns de poñer a vacina ou non, da cantidade de persoas inmobilizadas nas casas... Procuramos ir adaptando a citación semanal para compensar os distintos servizos de atención primaria para que non houbese moita diferenza, independentemente da poboación asignada a cada un, que tampouco é homoxénea. Concellos como Cambados ou O Grove teñen menos poboación maior de 80 que Forcarei ou Cerdedo-Cotobade, por exemplo. Movémonos sempre entre as mesmas dúas ou tres iniciais de letra.

Agora mesmo hai algún centro de saúde da área que xa completara a primeira volta ao alfabeto coa primeira dose?

Agás Vilagarcía, están todos os que faltaban citados ata o mércores. Sen contar esas excepcións das que falabamos.

Que porcentaxe destes maiores está vacinada coa segunda dose?

Deuse dobre cita para a primeira e a segunda dose, 21 días despois. Co cal, dentro de tres semanas teremos case o 100% coa pauta completa, agás que se dean determinadas circunstancias: que esa persoa estea hospitalizada, que se contaxiara entre tanto ou porque falecera, que houbo casos tamén.

Tamén se está vacinando aos grandes dependentes. Inclúense neste grupo ás personas maiores de 80 encamadas, por exemplo?

Non é o mesmo. Os grandes dependentes poden ter desde 16 anos en diante e algúns teñen dificultades de mobilidade, pero non todos. E despois están os maiores de 80, que poden ser grandes dependentes ou inmobilizados.

A estes últimos son os que se vacinará nos seus domicilios?

Algúns xa se vacinaron ao estar incluídos no grupo de grandes dependentes. Esta fin de semana intentamos facelo. Hai que ter en conta que os recursos que consumen é moito maior que calquera outro grupo. Nos centros de saúde vacínase un cidadán cada catro ou cinco minutos: chega, séntase, fáiselle a entrevista, adminístraselle a vacina, sae e entra outro. No caso de pacientes no domicilio hai que mobilizar un equipo de enfermeiras, leva un tempo chegar a ese domicilio, vacinar, desprazarse ao seguinte... Vacínase a un cidadán cada media hora, é máis dificultoso.

Aos maiores de 80 anos aplícaselles tanto Pfizer como Moderna?

Si, coas dúas. De feito este venres e sábado todos os maiores de 80 anos vacináronse con Moderna e citámolos nos hospitais, adiantándolles a cita que tiñan para a vindeira semana. Decidiuse administrar Moderna porque había stock suficiente, aínda que en xeral estanse recibindo menos doses nestes momentos. Foi un cambio de estratexia perfectamente compatible con seguir facendo vacinación a maiores de 80 aos que estaban citados nos centros de saúde.

En que punto está a vacinación dos grandes dependentes?

Esta fin de semana adminístraselles a segunda dose a todos aqueles grandes dependentes da nosa área que podían achegarse a un punto de vacinación. Hoxe -por ontevacináronse coa segunda dose de Moderna 29 cidadáns no Salnés e mañá -por hoxe- temos provisto poñer a segunda dose a outros cen cidadáns en Montecelo.

Que planificación hai para estes días dos grupos incluidos na vacinación con AstraZeneca?

Esta fin de semana tamén lle estamos dando un empurrón importante a eses grupos que nos quedaban pendentes de vacinar. Na última semana recibimos colectivos da medicina privada, Garda Civil que quedaran pendentes por incompatibilidade horaria, por querer retrasar a inxección...

Cando se empezará coa poboación de 70? Ou máis ben de 75 a 79?

Posiblemente a semana que vén, seguindo as instrucións da Consellería de Sanidade.


Leonor González recibirá a segunda dose o Día da Nai: "Más vale tarde que nunca" 

Aos seus 91 años, dos que se mostra orgullosa, á marinense Leonor González López fíxoselle eterna a espera pola vacina. Este sábado, en Montecelo, recibiu a primeira dose de Moderna e agora deberá esperar un mes ata que o 2 de maio, Día da Nai, lle inoculen a segunda. Tanto ela como a súa familia téñeno claro: "É o mellor agasallo".  

Comentarios