Xosé Carlos Morgade Martínez, presidente da Comunidade de Montes de Mourente

"As administracións actuaron dun xeito miope no caso de Montecelo"

Tras catro ano de preitos, Mourente recuperou a titularidade dunha superficie de 3,6 hectáreas na que está situada o hospital Montecelo. Os veciños rexeitan a fórmula da cesión indefinida porque din que acaba cos terreos comunais convertidos en públicos e moitas veces en privados

Xosé Carlos Morgade Martínez, presidente da Comunidade de Montes de Mourente. DAVID FREIRE
photo_camera Xosé Carlos Morgade. DAVID FREIRE

A comunidade de Montes de Mourente vén de facer pública a súa postura negociadora coa Consellería de Sanidade sobre os terreos que ocupa o actual hospital Montecelo, unha vez que xa é firme a sentenza que lle recoñece a titularidade deses terreos. Xosé Carlos Morgade Martínez, o presidente dos comuneiros, explícanos esa postura nas negociacións.

Vostedes ofreceron ceder eses terreos de xeito gratuíto e por duración indefinida...
Si, ese foi o acordo da asemblea de comuneiros en 2014, a cambio do recoñecemento polas administracións públicas da titularidade veciñal sen necesidade de acudir aos tribunais. Pero non foi posible. A pesar da xurisprudencia clara e inequívoca, as administracións actuaron dun xeito torpe e miope, e no caso da Seguridade Social de xeito reiterado.

Foron máis de catro anos de preitos ata chegar ao Tribunal Supremo. Como viviron ese camiño?
Foi longo e desesperante, pero ensinounos varias leccións. Que aos políticos cústalles entender o que é un terreo veciñal e equipáranos a propiedades públicas que ás veces acaban en mans privadas, como está a facer a Seguridade Social en Galicia. Que as administracións abusan dos tribunais de xustiza en beneficio propio, apelando ao seu dereito á xustiza gratuíta, mentres nós gastabamos ducias de miles de euros en avogados, procuradores e técnicos. Foi sintomático que as sentenzas cargaran o pagamento das costas ás administracións.

Privatización
"Se a Xunta tivese construído o hospital en Marcón, a Seguridade Social estaría vendendo Montecelo ao mellor postor"

A Comunidade de Montes negouse a negociar coa Consellería de Sanidade mentres a sentenza non era firme.
Esa foi a nosa postura. A Xunta de Galicia quería pechar canto antes ese capítulo na planificación do seu proxecto do Gran Montecelo, pero nós entendiamos que negociar a cesión dos terreos, mentres non quedase resolta a titularidade, podía supoñer un esforzo inútil.

E agora que a sentenza é firme, vostedes din que non queren unha cesión indefinida.
Non é a máis conveniente. Na práctica suporía a doazón definitiva do uso dos terreos e deixaría a recuperación da titularidade en papel mollado. A lexislación contempla a cesión indefinida ligada a un fin concreto, pero a experiencia demostra que as cesións indefinidas acaban cos terreos comunais convertidos en públicos e moitas veces en privados. Se a Xunta tivese construído o hospital en Marcón, arestora a Seguridade Social estaría vendendo Montecelo ao mellor postor.

Pero a Comunidade de Montes sempre se amosou favorable a ceder os terreos para que sigan mantendo un uso sanitario público.
E sigue mantendo ese compromiso. A Consellería de Sanidade poderá utilizar os terreos do actual hospital como parte de seu proxecto do Gran Montecelo sen ningún condicionante pola nosa parte durante o tempo de vixencia dese proxecto, que ela mesma situou en 50 ou 60 anos. E mesmo podemos incluír o compromiso de renovación daquela, sempre ligado a un uso sanitario público, se a Xunta de Galicia así o decide. Pero se opta por buscar nova ubicación, como tiña pensado hai uns anos, a Comunidade de Montes quere recuperar eses terreos para uso público. Ao cabo, a mellor maneira de garantir un uso público duns terreos é que sigan sendo comunais, porque non se poden privatizar.

A outra condición que os comuneiros impoñen é que tampouco aceptan unha cesión gratuíta.
Mourente ten pouco monte, moi fragmentado e de gran uso social, aberto a todos os pontevedreses. E ten unha capacidade económica limitada, porque os usos sociais e ambientais son máis importantes que os económicos. Os nosos maiores ingresos son por subvencións para facer os traballos silvícolas ou por expropiacións, que procuramos compensar comprando matos particulares para non perder terreos, porque Mourente é a parroquia con menos monte veciñal. Nestas circunstancias doe moito ter que dedicar miles de euros a pagar gastos xudiciais para recuperar uns terreos que nunca debemos perder.

Futuro. "A asemblea decidirá se facemos o mesmo con Príncipe Felipe"

Por que a Comunidade pide un canon anual e non unha indemnización única que compense os gastos causados?
Porque un aluguer anual axudaría á Comunidade de Mourente na súa xestión do monte a longo prazo. A experiencia demostra que ingresos altos, por indemnizacións ou expropiacións, ás veces non son investidos na súa maioría no monte, e desaparecen en poucos anos. Un ingreso anual, inda que sexa pequeno, axudaría a compensar ao monte veciñal de Mourente polos servizos que presta. O noso monte produce algo de madeira, que cobramos, pero tamén produce outras cousas que non cobramos, como osíxeno, paisaxe, cogomelos, castañas, leña e lugares para pasear, correr, andar en bicicleta ou a cabalo, ao servizo de todos os pontevedreses. O canon anual axudaríanos a manter todo isto.

Unha vez recuperada a titularidade, van facer o mesmo cos terreos que ocupan as instalacións de Príncipe Felipe da Deputación?
As circunstancias son favorables, porque xa temos unha sentenza firme que recoñece que o monte Montecelo é dos comuneiros de Mourente, pero iso é algo que ten que decidir en marzo a asemblea da Comunidade de Montes.

Comentarios