Adxudicado o contrato de mantemento de espazos rurais por 750.000 euros

2020080517115052040
photo_camera Alberto Oubiña. ARQUIVO

O concelleiro de Coordinación Rural, Alberto Oubiña, anunciou onte en rolda de prensa a adxudicación á empresa Construcciones E.C. Casas dun novo contrato de mantemento de espazos públicos rurais por un importe de 760.771,53 euros.

Oubiña explicou que o contrato xa saira a licitación por unha cantidade de 1.080.000 euros e que, finalmente, a empresa pontevedresa reduciu o presuposto permitindo gardar os fondos restantes para vindeiras actuacións. Por outra banda, as melloras que oferta a empresa adxudicataria destacan o aumento do espesor da capa de pavimentación e tamén a mellora do tempo de resposta ante as incidencias. O contrato, que se adxudica por un tempo de tres anos, estará operativo no mes de setembro. O concelleiro lembrou que este proxecto "posibilitará facer fronte a todas as incidencias e reparacións que sexan necesarias no ámbito rural", o que permitirá atender bacheos, reparacións de pavimento, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de auguas pluviais, entre outras actuacións.

Tanto o novo servizo de sostemento dos espazos públicos como o paquete de obras en execuación e adxudicadas amosan, segundo indicou Oubiña, "a aposta deste goberno polo rural" e insistiu en que "agardamos chegar ao redor de 100 millóns de euros durante estes catro anos de mandato para executar no rural de Pontevedra, nunha aposta clara por dotar ás parroquias de servicios para mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas".

Na relación de obras que nestes intres están en execución, o concelleiro salientou a seguintes: o núcleo de centralidade dos Campos, en Mourente; o parque forestal de Fracha, en Marcón; a rehabilitación do Birrete, en Salcedo; a actuación no vial de Marín Raxo, en Lourizán, o calmado do tráfico en A costa e Cunchidos, e a mellora de drenaxes en A meán, Vigoraio e Leborei; e o parque forestal de A Tomaba, en Campañó.

En canto as obras de saneamento, mencionou as seguintes: Verducido, no lugar de Covadaspera; Santo André de Xeve, nos lugares de Filgueira e O Couso; Campañó, no lugar de Moldes; e Mourente no lugar de Eirós, onde tamén se está acomentendo o abastemento.

Dentro da relación de obras adxudicadas, destacou o núcleo de centralidade na parroquia de Tomeza, cun orzamento de 460.000 euros.

Oubiña resaltou como obras xa rematadas as melloras de accesibilidade e calmado en Tomeza, o acceso a Matalobos-Raíña da Paz en Salcedo, a substitución do alumeado a Led en Lourizán, o muro de sostemento de vial de acceso a Sobral en Santo André, a rehabilitación superficial do vial de Leborei en Cerponzóns e a adaptacións dos repetidores de TDT.

Comentarios