A AECC promove hábitos de vida saudables para evitar o "silencioso" cancro de colon

O tumor maligno de maior incidencia en Galicia matou a 367 persoas na provincia en 2022 ► Foran diagnosticadas preto dun millar 
Voluntarias da asociación en Pontevedra difundiron a campaña 'Move o cu' entre a cidadanía. DIANA CARRACELAS
photo_camera Voluntarias da asociación en Pontevedra difundiron a campaña 'Move o cu' entre a cidadanía. DIANA CARRACELAS

Mover o cu para esquivar o cancro. Así se podería resumir a campaña que a Asociación Española contra el Cáncer puxo en marcha con motivo do Día mundial para a prevención do cancro de colon, que se celebrou o venres. Move o cu en alusión ao perigo que o sedentarismo supón para a saúde e, máis concretamente, por ser un factor de risco neste caso, ao igual que a mala alimentación, o sobrepeso, o alcohol e o tabaco.

Esta doenza é o tumor maligno de maior incidencia en Galicia, segundo os datos da AECC, pois o ano pasado diagnosticáronse 2.925 casos na comunidade, dos que 937 corresponderon á provincia de Pontevedra.

Así mesmo, os tumores colorrectais ocupan o segundo posto en número de defuncións, só por detrás dos pulmonares. En 2022 producíronse 1.122 mortes en Galicia debido a este cancro, e delas 367 foron nesta provincia.

Por iso con Move o cu "queremos chamar á acción para que a xente se active, para que entenda cales son os principais factores de risco do cancro de colon", subliñou o venres Rebeca Castro, técnico de prevención da AECC en Pontevedra. Ela e outras integrantes do colectivo instalaron unha mesa informativa en Frei Xoán de Navarrete para concienciar á cidadanía da necesidade de realizar as probas de cribado poboacional como a forma máis rápida de diagnóstico precoz.

"É importante ter hábitos de vida saudable: unha boa alimentación, evitar o sedentarismo, o alcohol, o tabaco... E tamén que se activen para poñer en marcha para facer esa proba de cribado de cancro de colon no caso de que sexan de poboación de 50 a 69 anos", subliñou Castro. "Queremos chamar á acción para que a xente empece a adoptar hábitos de vida saudable e a incrementarse ese nivel de participación na proba de cribado".

Non hai un perfil de paciente, agás que comparten un xeito de vida pouco saudable, pois a herdanza xenética "apenas supón unha incidencia dun 5% ou 10%".

UN 45% FAI O CRIBADO. Segundo os datos que manexa a AECC, nove de cada dez casos desta enfermidade son curados se se detectan a tempo. Actualmente, en Galicia, o 45% das persoas que reciben a invitación por parte do Servizo Galego de Saúde para realizar o cribado participan nunha proba cada vez máis sinxela ao entregarse directamente o kit nos domicilios. "Non é unha mala cifra", admite a técnica.

O cribado do cancro colorrectal realízase a través dun test de sangue oculto nas feces (TSOF) e cada dous anos debe repetirse.

O cribado do cancro colorrectal realízase a través dun test de sangue oculto nas feces (TSOF) e cada dous anos debe repetirse

Castro explicou que nun estudo realizado pola AECC se comprobou que un gran número de persoas non realiza a proba ao atoparse ben de saúde, unha decisión errónea segundo argumenta a técnica de prevención, xa que o cancro é unha "enfermidade silenciosa" e a detección precoz é vital.

Tamén se rexistran casos en que a poboación non recibiu a invitación ao non actualizar o domicilio da súa tarxeta sanitaria, algo que animou a corrixir.

En canto ás persoas que contan cun seguro privado ou pertencen a unha mutua, desde a AECC recomendan á poboación nesa franxa de idade que acuda ao seu médico e pida a proba. "Que reivindiquen o seu dereito", para facer fronte ao cancro máis frecuente. En España en 2022 diagnosticáronse 41.646 casos, a maioría deles responden a un estilo de vida pouco saudable.

Juan Turnes. DP
Juan Turnes. DP

Un sistema de intelixencia artificial mellorará os cribados

O Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra aproveitou a conmemoración do Día mundial contra o cancro de colon para anunciar a chegada de novos sistemas de intelixencia artificial, cuxo obxectivo é optimizar a detección de tumores e lesións premalignas no cribado de cancro de colon. O colorrectal é o cancro de maior incidencia en España, subliña o Sergas.

Pontevedra, con cerca dun milleiro de casos anuais, atópase entre as 20 provincias con maior incidencia, destaca. O cribado de cancro colorrectal, dirixido a persoas de entre 50 e 69 anos, "é crucial para a detección e extirpación de pólipos antes de que se convertan en tumores, así como para a detección de cancros nas súas primeiras fases". nas vindeiras semanas.

Nas vindeiras semanas, o Servizo de Aparello Dixestivo de Pontevedra incorporará PolyDeep, un sistema para a detección e clasificación de pólipos colorrectais en tempo real con intelixencia artificial, que servirá de apoio nas probas de colonoscopia do cribado de cancro colorrectal.

Este recurso, explicou o Servizo nun comunicado, incorpórase no marco dun proxecto de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur no que tamén colabora a Universidade de Vigo e as áreas sanitarias de Ourense, Vigo e Pontevedra-O Salnés a través dos seus servizos de Aparello Dixestivo.

A colaboración entre diversos centros "é fundamental" para o adestramento desta tecnoloxía, tal e como explica o xefe de servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Juan Turnes. "Este tipo de sistemas de intelixencia artificial necesitan aprender. É por iso que pasará polos tres hospitais da Área Sanitaria co obxectivo de ampliar ao máximo o número de imaxes diferentes que procesa. Isto fará o sistema máis preciso".

O sistema de detección PolyDeep conéctase aos aparellos de endoscopia e sirve de apoio para o profesional encargado de facer a proba, chegando a incrementar dun 5% a un 10% o número de pólipos que un endoscopio é capaz de detectar.

O servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés conta con máis dun ano de experiencia con sistemas similares a PolyDeep.

Creo que este tipo de sistemas serán frecuentes nos vindeiros meses ou anos en todas as unidades de endoscopia"

Segundo o doutor Turnes, "no momento actual dispoñemos dun equipo de características similares co que levamos traballando dende febreiro de 2022 cun resultado moi positivo, xa que aumenta a confianza do profesional ao evitar que se pasen por alto certas lesións. Creo que este tipo de sistemas serán frecuentes nos vindeiros meses ou anos en todas as unidades de endoscopia".

DOUS SISTEMAS MÁIS. Ademais dos mencionados, o Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés incorporará outros dous sistemas con intelixencia artificial ao cribado de cancro colorrectal nos vindeiros meses. Estes novos sistemas serán introducidos en fase de adestramento e avaliación a través dun proxecto cunha das principais casas comerciais de endoscopia dixestiva.

"Para nós é unha experiencia moi positiva, non só para poder ofrecer estas tecnoloxías aos nosos pacientes, senón porque isto reflicte a confianza que teñen na nosa Área Sanitaria as compañías que desenvolven estes sistemas ", explica o doutor Juan Turnes.

Comentarios